Notas de prensa

A entrega do premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico, no Salón Teatro compostelán

O Salón Teatro de Compostela abre a súa programación coa interpretación, a través do formato de espazo radioescénico, fragmentos das obras finalistas. Ana Romaní e Anxo Quintela conducen o programa e Ana Vallés asina a dirección artística.

O acto de entrega da quinta edición do Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico inicia a programación do mes de maio do Salón Teatro de Santiago de Compostela como primeira cita dunha variada carteleira que acollerá tamén as últimas propostas escénicas das compañías galegas Espello Cóncavo e Redrum Teatro, o espectáculo multidisciplinar Mundo Lois, a proxección de varias curtas dentro do festival Curtocircuíto e o inicio da Mostra Internacional de Teatro Universitario.

O Centro Dramático Galego (CDG) e a Radio Galega organizan mediante o denominado formato de espazo radioescénico, que nesta ocasión conta coa dirección artística de Ana Vallés, a entrega do V Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico ao galardoado na edición de 2011, o autor ourensán Xosé Manuel Pacho Blanco, quen recollerá as distincións do xurado e do público pola súa obra Paraísos das mans de Juan Carlos F. Fasero, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) -entidade patrocinadora- e de Rosa Martínez Rivada, directora da Radio Galega.

Entrada libre

Ana Romaní e Anxo Quintela conducirán este espazo no que, ademais de entrevistar aos protagonistas, darán paso ás interpretacións de varios fragmentos dos textos finalistas –xunto a Paraísos, Como eliminar as manchas de vómito, de Eva Freixeira; Carne de canón, de Rebeca Montero; e Señora Carme, de Manuel Román- a cargo das actrices Nuria Sanz, Margarita Fernández, Mónica Caamaño e Laura Ponte; e os actores Marcos Viéitez e Manu Lago, baixo a dirección de Ana Vallés. Será unha sesión de entrada libre para o público, que poderá acceder ao Salón Teatro ata completar a capacidade do patio de butacas e previa recollida de localidades na billeteira.

O evento conta tamén coa música en directo do trío de jazz Sumrrá, a participación de Nacho Sanz como ruidista, de Miguel Muñoz como deseñador do espazo escénico e da iluminación e de Iván Nogueira na realización sonora. No seu transcurso presentarase asemade o libro-CD publicado por Edicións Xerais de Galicia, no que se que recolle o texto e o rexistro sonoro dos catro títulos finalistas.

Diversidade de propostas

Días despois (xoves 5 e venres 6), a compañía Espello Cóncavo porá en escena Limpeza de sangue (o sangue fai ruido), escrita por Rubén Ruibal e dirixida por Arturo López. O texto, galardoado co Premio Ãlvaro Cunqueiro para textos teatrais do ano 2005 e Premio Nacional de Literatura Dramática do 2007, é un drama sobre a marxinalidade e o medo á morte onde dous homes, un yuppie e un ionqui, procedentes de mundos aparentemente opostos, coinciden á espera dun transplante ou do inevitable pasamento, na sala de diálise dun hospital. Oswaldo Digón, Gari, Teresa Horro, Arturo López, X. C. Mejuto, Fernando Morán, Xavier Pan, Rodrigo Roel, Tito, Estíbaliz Veiga e Sergio Zearreta protagonizan esta complexa produción moi influenciada polo cinema.

Así mesmo, a compañía Compostela Redrum Teatro estreará o sábado 14 e o domingo 15 a súa nova creación escénica para público infantil, Moito conto. Con Tamara Canosa, Guillermo Carbajo e Mónica García sobre as táboas e baixo a dirección de Ãlex Sampayo, esta comedia musical baseada no famoso conto dos irmáns Grimm Hansel e Gretel, procura concienciar sobre a reciclaxe, a reutilización, o respecto ao ambiente e a adopción de estilos de vida saudables.

Mundo Lois, no Día das Letras

Coincidindo co Día das Letras Galegas, o Salón Teatro acollerá a representación de Mundo Lois, un espectáculo escénico ideado por Antón Reixa e dirixido por Lino Braxe que pretende universalizar a través da imaxe a obra de Lois Pereiro, poeta a quen se lle dedica este ano o 17 de maio. Co fío condutor da súa propia escrita, na voz do actor Lino Braxe, a actriz Antela Cid e unha ambiciosa escenografía audiovisual que se apoia nunha intensa e constante banda sonora interpretada por Alexandro González, Mundo Lois pretende subministrar a calquera espectador profano no coñecemento de Lois Pereiro unha visión fonda, sedutora e interdisciplinar da súa personalidade artística.

A sede escénica do CDG converterase do sábado 7 ao venres 13 (agás o domingo 8) en sala de cinema para acoller parte das proxeccións do Festival Internacional de Curtametraxes Curtocircuíto que, organizado pola Concellería de Cultura de Santiago, ofrecerá varias sesións diarias. E finalmente, como en anos anteriores, cederá o seu escenario para a celebración da Mostra Internacional de Teatro Universitario da USC (Universidade de Santiago de Compostela) que terá lugar entre o luns 23 e martes 31.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2011-05-02

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-cuantica.jpg) CiberLabFP configúrase como un espazo de aprendizaxe, experimentación e desenvolvemento de competencias en contornos reais que integran tecnoloxías da información (IT) e de operación (OT) para así adaptar a Formación Profesional aos novos escenarios de transformación dixital. Entre as súas funcionalidades destacan a formación especializada do profesorado, a simulación de ciberataques e defensa en contornos virtuais, a análise forense industrial ou a validación de sistemas. Ademais, contará cunha estación móbil que permitirá levar a tecnoloxía a centros educativos e realizar demostracións en empresas e feiras.
Foto de la tercera plana (costa-litoral-illas-cies.jpg) Celebrouse hoxe a sesión constitutiva do Foro do Litoral de Galicia, que será o máximo órgano colexiado de consulta e participación do conxunto da sociedade co fin de optimizar a xestión e ordenación da costa galega. Nel están representadas a Administración autonómica e as locais así como os sectores social, científico, económico e medioambiental e as entidades implicadas na protección do patrimonio natural co fin último de garantir unha gobernanza que permita unha participación suficiente de todos os sectores da sociedade interesados no litoral. A constitución do foro facilitará a partir de agora facer un seguimento das normas, políticas e instrumentos do litoral.

Notas

Baixo o lema A inclusión no centro: perspectivas internacionais para o cambio institucional desenvolverase entre os días 4 e 8 de maio a International Staff Week 2026, unha iniciativa coa que a Vicerreitoría de Internacionalización persegue un triplo obxectivo: fortalecer as relacións internacionais da UVigo: explorar novas oportunidades de colaboración académica; e compartir boas prácticas en materia de mobilidade internacional.
Un estudo realizado por persoal investigador do grupo de Neurobioloxía Celular e Molecular da Enfermidade de Parkinson do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS) e da Universidade de Cambridge, coa colaboración doutras institucións europeas como o Instituto Karolinska, propón unha nova forma de entender como se dana e se repara o cerebro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES