Notas de prensa

Arxentina lembra a Cunqueiro no centenario do seu nacemento

O director xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos presentou na Federación de Asociacións Galegas da República Arxentina unha conferencia do escritor Víctor Freixanes sobre o autor mindoniense e Cándido Pazó avanzou o seu espectáculo "Cunqueiradas".

A Consellería de Cultura e Turismo, no marco da participación galega na XXXVII Feira Internacional do Libro de Bos Aires, organizou un acto de conmemoración da figura de Álvaro Cunqueiro co obxectivo de difundir a súa obra en Arxentina cando se conmemora o centenario do seu nacemento. O acto de conmemoración converteuse nunha presentación multimedia onde houbo unha conferencia de Víctor Freixanes, un avance da peza teatral Cunqueiradas de Cándido Pazó e a voz musical de Lorena Lores para a interpretación dos versos do poeta das terras de Miranda.

O director xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos, Francisco López, amosouse satisfeito de poder achegar a figura do insigne escritor mindoniense á cidade de Bos Aires no marco deste evento de repercusión internacional. Ademais –dixo- facelo nun contexto como o da Federación no que se inclúen institucións tan destacadas como a Biblioteca Galega de Bos Aires e o Museo da Emigración Galega.

Xunto ao Presidente da Federación de Asociacións Galegas, Francisco Lores Mascato, o director xeral do Libro foi o encargado de presentar o relatorio do escritor, xornalista e director xeral da editorial Galaxia, Víctor Fernández Freixanes, que presentou a figura dun Cunqueiro “visto co pouso do tempo” e dando proba de que “as feridas cicatrizan deixando o mellor das persoas”. Na súa alocución subliñou os coñecementos extraordinarios da cultura clásica universal que o poeta de Mondoñedo tiña e como soubo trenzala para reinterpretar as xentes e a cultura galega. Así, defendeu ao Cunqueiro que “sempre tivo o seu corazón na lingua e na cultura de Galicia”, que o levaron a desexar para elas “mil primaveiras máis”.

Ao tempo, o director de Galaxia presentou aos asistentes o contido da exposición No niño do vento que este ano está a percorrer a xeografía galega para lembrar a traxectoria e os libros deste personaxe das letras galegas. Para Víctor Freixanes, “Cunqueiro é hoxe un dos escritores dos que nos podemos sentir máis orgullosos. Pola súa capacidade para proxectar a cultura galega no mundo, posto que foi traducido a case todos os idiomas do planeta”.

Cultura Galega en Bos Aires

Esta actividade está incluída na programación deseñada pola Xunta de Galicia para promover a presenza da cultura e a lingua de Galicia en Arxentina durante a celebración da XXXVII Feira do Libro de Bos Aires, onde Galicia participa cun espazo promocional de 42m2 onde están presentes 15 editoriais galegas.

Logo da presentación da obra O libro das Seniguais e o único Senigual de María Rosa Lojo -o luns-, a homenaxe a Xosé Neira Vilas –o martes- e esta conferencia sobre a figura de Álvaro Cunqueiro, hoxe presentarase o espectáculo Cunqueiradas de Cándido Pazó na Sala Javier Villafañe da Feira do Libro. Mañá venres, o Director Xeral do Libro, Biblioteca e Arquivos desprazarase ata a localidade de Mar del Plata para presentar a Biblioteca Castelao, que reúne preto de 900 libros doados polo Executivo galego a esta cidade.

Para rematar coa axenda cultural, está convocada a conferencia de Víctor Freixanes no mítico Café Tortoni sobre Xornalismo en Galicia. Alí reuníronse os persoeiros da cultura arxentina e galega de principios de século e hoxe xúntanse periodicamente o grupo dos Lectores Galegos de Bos Aires. O relatorio será aberto ao público en xeral.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2011-04-28

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES