Notas de prensa

A Xunta homenaxea en Bos Aires (Arxentina) ao escritor galego Neira Vilas

No 50 aniversario da publicación de Memorias dun neno labrego, Neira vilas animou aos alumnos a exercitar “unha morriña creativa, creadora” e gabou o proxecto dun colexio que lle permite conversar “con alumnos arxentinos en galego”.

A Xunta de Galicia rendeu en Bos Aires homenaxe ao escritor Xosé Neira Vilas, no 50 aniversario da publicación en Arxentina do seu libro Memorias dun neno labrego. Unha videoconferencia cos alumnos do colexio Santiago Apóstolo da capital arxentina e o espectáculo Memorias das Memorias dun neno labrego de Cándido Pazó no Centro Galicia serviron para celebrar esta efeméride no país austral. Estas actividades enmárcanse dentro da programación deseñada pola Consellería de Cultura e Turismo para promover a presenza da cultura e a lingua galega coincidindo coa celebración da XXXVII Feira do Libro de Bos Aires, onde Galicia está presente cun espazo promocional de 42m2 e ofrece as novidades da industria editorial do país.

Segundo manifestou o Director Xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos, Francisco López, na presentación da conferencia de Neira Vilas cos alumnos do Colexio Santiago Apóstolo, “Galicia está presente un ano máis na Feira do Libro de Bos Aires e, precisamente este ano, non podía faltar a homenaxe ao autor desta obra de referencia da literatura galega cando se cumpren nada menos que 50 anos da súa publicación”. Francisco López congratulouse de poder realizar este encontro a través das novas tecnoloxías e recibiu unha distinción que o Colexio concedeu a Xosé Neira Vilas para facerlla chegar ao escritor en Galicia.

A videoconferencia enlazou durante máis dunha hora o salón de actos do Colexio Santiago Apóstolo de Bos Aires, no que estaban, ademais do Director Xeral do Libro, o director de Galaxia, Víctor Freixanes; o pintor Manuel Cordeiro, e os alumnos de secundaria dun colexio do Concello de Carballo, onde se atopaba Xosé Neira Vilas disposto para a comunicación. A través deste medio, o escritor narrou aos rapaces arxentinos as experiencias que o levaron a escribir Memorias dun neno labrego e o contexto social e histórico no que a obra veu a luz.

Neira Vilas falou do Bos Aires que lle tocou vivir nas décadas do 50 e 60 e da confluencia de intelectuais galegos nesas datas na capital arxentina. Así, asegurou que esa foi “unha época esplendorosa da cultura galega” na que se desenvolveron audicións de radio, teatro, grupos de gaiteiros, bandas de música, semanarios, editoriais e case todas as manifestacións artísticas do momento.

“Morriña creativa, creadora”

Ante as preguntas dos alumnos, o escritor de Gres confesouse “marabillado” polo feito de poder “falar en galego e sobre literatura galega con estudantes arxentinos” e animounos a exercitarse nunha “morriña creativa, creadora” e non “chorada” para manter o legado desas xeracións de emigrantes que souberon facer en terras arxentinas un polo cultural tamén para a Galicia territorial. “Eu –dixo- experimentei ese sentimento de distancia e convertino en forza creadora, en activismo galeguista”.

O Colexio Santiago Apóstolo de Bos Aires é unha institución educativa recoñecida polo Ministerio de Educación da República Arxentina que achega, ademais, os coñecementos de lingua e literatura galega da escolarización en Galicia. Foi fundado no ano 1998 por iniciativa da Xunta de Galicia en colaboración co Centro Galicia de Bos Aires. Desde o ano 2005 comezaron as clases tamén no nivel secundario. Na actualidade, acoden a este centro 540 alumnos desde o nivel inicial ata o quinto ano de secundaria.

Memorias das Memorias

Ante un público entregado ao espectáculo, Cándido Pazó presentou o martes á tarde o seu unipersoal titulado Memorias das Memorias dun neno labrego no Auditorio Valle Inclán do Centro Galicia de Bos Aires. A obra foi introducida polo director da Axencia Galega de Industrias Culturais AGADIC, Juan Carlos Fernández Fasero, que destacou a calidade da representación e amosouse satisfeito por poder amosala en Bos Aires, punto de partida e argumento da produción.

Pazó conectou co público arxentino, maioritariamente fillos e netos de galegos, adaptando o seu monólogo á realidade actual e aos códigos culturais propios desta parte importante da Galicia exterior.

Aos asistentes ao evento entregáronselle exemplares do libro Cartas a Balbino. Homenaxe a Xosé Neira Vilas editado pola Xunta de Galicia e Gálix con motivo da entrega do diploma de socio de Honra de Gálix a Neira Vilas neste mes de abril de 2011. No volume, prologado polo conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, recóllense textos de Pilar Sampedro, Uxía Blanco, Cándido Pazó, Anxo Pintos, Belén Regueira, Felipe Senén e X. Touriñán sobre esta obra clásica da literatura galega, 50 anos despois da súa publicación.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2011-04-27

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-ordenador.jpg) Cerca do 90% das empresas galegas con máis de 10 persoas empregadas utiliza aplicacións de software libre e a porcentaxe é de máis do 67% no caso das microempresas. Os datos forman parte do estudo O Software Libre nas Empresas de Galicia elaborado polo Observatorio da Sociedade da Información en Galicia (Osimga), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia. Os datos proceden da Enquisa sobre o uso de TIC e comercio electrónico nas empresas, que realiza o INE anualmente, que cede os datos a OSIMGA en virtude do convenio de colaboración. Entre os programas máis utilizados destacan os navegadores de Internet (95,5%), as aplicacións ofimáticas (75,3%) e os sistemas operativos libres (51,5%).
Foto de la tercera plana (vacina-gripe.jpg) A Consellería de Sanidade publica, na súa páxina web, o informe de actividade das infeccións respiratorias agudas correspondente á semana do 15 ao 21 de decembro, que sinala que a actividade gripal en Galicia continúa con intensidade media e con tendencia decrecente. Segundo os datos recollidos polo servizo de vixilancia epidemiolóxica da Dirección Xeral de Saúde Pública, xa se acadou o pico da onda epidémica da gripe. Respecto da semana anterior, rexístrase un descenso na taxa de consultas por gripe en atención primaria dun 5 %.

Notas

O desenvolvemento de talento especializado nas distintas áreas do sector tecnolóxico (IA, Big Data, Ciencia de Datos...) é un dos grandes desafíos do sector tecnolóxico, facendo da colaboración entre universidade e empresa unha ferramenta clave. Neste contexto nace o Observatorio DXC, unha iniciativa posta en marcha en 2017 entre a USC e a compañía DXC Technology para achegar formación e investigación ás necesidades reais dos profesionais.
O LHCb, un dos detectores do gran colisor de hadróns (LHC) do CERN en Suíza, produce colisións de protóns a altísimas enerxías. Estas colisións xeran partículas inestables que conteñen quarks pesados, cuxa desintegración permite estudar fenómenos de física fundamental que axudan a explicar por que o universo está formado principalmente por materia e case non contén antimateria.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES