
A Deputación de Lugo é pioneira en Galicia na elaboración de mapas que sinalizan as localizacións de rodaxe de películas co fin utilizalos como reclamo turístico. O primeiro destes planos, coñecidos como movie maps, foi realizado polos alumnos da Escola de Imaxe e Son e recolle os emprazamentos do Courel e A Fonsagrada nos que se gravou o filme Romasanta. Este proxecto será presentado nas primeiras Xornadas sobre Turismo Cinematográfico que o organismo provincial, a través da Fundación TIC, celebrará entre os días 28 e 30 de abril, e coas que pon en marcha unha nova estratexia de promoción turística e de dinamización da economía lucense consistente en aproveitar como reclamo as películas rodadas na provincia para atraer visitantes e difundir os recursos paisaxísticos e culturais.
No encontro daranse tamén a coñecer as dúas primeiras rutas cinematográficas definidas pola Deputación, que serán incorporadas na nova etapa do programa medioambiental Km0. Estes percorridos discorren polos escenarios naturais do filme Romasanta nos concellos do Courel e A Fonsagrada, e foron fixados precisamente a partir do movie map elaborado pola Escola de Imaxe e Son, dependente da Deputación.
O Presidente provincial e da Fundación TIC, José Ramón Gómez Besteiro, será o encargado de inaugurar o día 28 no salón de actos do Pazo de San Marcos as Xornadas de Turismo Cinematográfico, nas que se dará a coñecer e analizará esta nova ferramenta promocional a través de conferencias e unha mesa redonda, nas que, entre outros, participarán profesionais de prestixio como Carlos Rosado, presidente de Andalucía Film Comission; Julio Fernández, presidente de Filmax; Alfredo Conde, escritor galardoado co Premio Nadal e co Nacional de Literatura, e Anxo Quintanilla, director xerente do Consorcio Audiovisual de Galicia.
Tamén se presentará o mapa de localizacións de rodaxe e as rutas cinematográficas de Romasanta promovidos pola Deputación. Esta cinta foi producida por Filmax baixo a dirección de Paco Plaza, cun guión de Alfredo Conde, e protagonizada por Elsa Pataky e Julian Sands. Rodouse no ano 2003 en diferentes puntos do Courel e A Fonsagrada e conta a historia de Manuel Romasanta, o home lobo de Allariz.
A inscrición
A inscrición é totalmente gratuíta e todas aquelas persoas que estean interesadas poden formalizala a partir deste mesmo mércores a través da páxina web da Fundación TIC (www.fundaciontic.org) ou na Escola de Imaxe e Son de Lugo, situada na Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n. As xornadas están dirixidas ó público en xeral, pero resultarán de especial interese e utilidade para responsables e profesionais do sector turístico, xestión cultural, axencias de viaxes, responsables das Film Comission ou do ámbito audiovisual.
O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.