Notas de prensa

Fundación TIC e Concello de Lugo promocionan grupos musicais lucenses coa gravación de maquetas

No programa “Xoves con arte” poderán participar 20 grupos noveis e outros 20 que xa teñan disco no mercado. Bolseiros da Fundación TIC participarán na gravación, que terá lugar nos estudos de Arturo Vaquero en Friol.

O Presidente da Fundación TIC e da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e o Alcalde de Lugo, José López Ororco, a Concelleira de Xuventude, Rosana Rielo, e o produtor e compositor, Arturo Vaquero, presentaron na Casa da Música o programa “Xoves con Arte”, que ten por obxectivo a promoción de grupos musicais da cidade a través da gravación de maquetas e a edición de dous CDs.

A gravación, que se realizará nos estudos “Abrigueiro” que Vaquero ten en Friol, contará coa participación de bolseiros da Fundación. Gómez Besteiro subliñou que “deste xeito, os antigos alumnos da Escola de Imaxe e Son poderán completar a súa formación, de cara a súa inserción laboral, nuns estudos de calidade profesional”. O Presidente provincial salientou que con esta iniciativa tamén “apoiamos a artistas lucenses para que dean a coñecer os seus traballos e proporcionámoslles os medios necesarios que, polo seu alto custe, son de complicado acceso para eles”.

Os máximos responsables da Fundación e do Concello informaron ós representantes dos 15 grupos reunidos na Casa da Música deste convenio ó que poderán acollerse un máximo de 20 agrupacións noveis e outras 20 que xa teñan disco no mercado. Neste senso, as agrupacións que se deron cita foron as seguintes: Ripper Ground, JPA, Xenro, Arrithmia, Mullet, Batital, Mythical, Caivanca, Ghaita depedra, Psicolepsia, Meskalina, Moondogs Blues Party, Realeasing Chain, Paranoiz Zombie e Brea. Os interesados que queiran participar deberán estar inscritas no censo municipal de grupos musicais.

Neste senso, o Alcalde felicitou á Fundación TIC “por recibir a idea que naceu na Concellería de Xuventude e nesta Casa. Levamos moitos anos procurando facer que a música da xente de Lugo sone e sone ben. De feito no San Froilán sempre procuramos que actuasen profesionais da cidade e da provincia. Agora temos esta oportunidade que non pode ser desperdiciada”. Neste senso, o rexedor municipal confirmou que “se intentará chegar a un acordo cos pubs e discotecas de Lugo e da provincia para que tamén poñan as maquetas e esta música se poida escoitar nestes ámbitos”.

Bases de “Xoves con Arte”

Polo que se refire ós noveis, a convocatoria está destinada a aqueles grupos que ensaiaran nas tres últimas quendas das salas da Casa da Música. Os 20 primeiros en incribirse gravarán unha maqueta cunha canción, que deberá ser orixinal. Con todos estes traballos editarase un CD.

O produtor de Friol felicitou ós organizadores pola iniciativa, xa que “hai 20 anos non existían oportunidades nin instalacións coma esta para gravar unha maqueta. Un disco é como unha foto para a vida. Ademais, é unha idea fantástica para os rapaces da TIC que fan prácticas, xa que poden aprender todo o proceso, dende a colocación do micro ata a produción final”.

O segundo CD recollerá cancións xa gravadas con anterioridade. Cada grupo incluirá unha peza, que deberá estar composta integramente por eles. Neste caso, se o número de solicitudes supera o de prazas, realizarase un sorteo aberto ó público. Ademais, a Fundación TIC realizará un vídeo musical por grupo. O material poderá ser utilizado polo Concello para campañas de difusión, sensibilización ou formación.

Os interesados teñen de prazo ata o 29 de abril para incribirse. Para facelo, deben dirixirse á Oficina de Información Xuvenil do Concello de Lugo de luns a venres en horario de 10:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 19:00.

A TIC cos músicos de Lugo

A Fundación TIC xa colaborou na promoción doutros artistas lucenses con iniciativas como a gravación dos vídeos musicais “Torres de Compostela” da eurovisiva Lucía Pérez, que contribuíu á promoción da nosa provincia, ou “La búsqueda” do grupo pop-rock de Ribadeo, Escala Dinker. Tamén apoiou a celebración do festival de música alternativa “Viveiro Hardcore Assault!”, que se celebrou o pasasado venres no municipio mariñano.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2011-04-20

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES