
A Xunta de Galicia vén de presentar na Biblioteca Pública Nodal de Lugo unha instalación multimedia sobre Lois Pereiro que rende homenaxe ao poeta monfortino e permite achegarse dun xeito dinámico e innovador á vida e á obra do autor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas. As consellerías de Cultura e Turismo e de Educación e Ordenación Universitaria colaboran, xunto ao equipo de Ouvirmos, a organización desta exposición que completará ao longo de 2011 unha itinerancia polas seis bibliotecas nodais e os centros escolares de Galicia. O acto de apertura contou hoxe coa participación do director xeral do Libro, Arquivos e Bibliotecas, Francisco López; o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo; o xornalista Xosé Manuel Pereiro, irmán do poeta Lois Pereiro, e a directora da Biblioteca Pública Nodal de Lugo, Marisol González.
Na súa intervención, o director xeral do Libro celebrou que a decisión de dedicar a Lois Pereiro o Día das Letras Galegas 2011 servise para que a súa obra extraordinaria teña xa un lugar ante o público en xeral, que teñamos a capacidade de amosar nas salas das entidades públicas, nos centros de ensino, nos medios de comunicación e en calquera outro lugar o talento potentísimo do poeta de Monforte. Neste sentido, Francisco López destacou a capacidade do gran poeta da Galicia urbana de explorar os recantos sórdidos da vida, esa parte da vida que tamén existe e que merece a nosa atención porque tamén nela a palabra se converte en arte, porque moitas veces dos grandes sufrimentos xorde a consciencia, coas súas mensaxes clarísimas, para comprobar que só podemos superar aquilo que vemos.
Respecto á instalación multimedia sobre o poeta, o director xeral amosouse convencido de que ao propio Pereiro habíalle parecer o formato máis axeitado para reflectir a súa personalidade, xa que coa enfermidade que determinou a súa traxectoria, el sabía que o mundo cambiara radicalmente e creara novos modelos de comunicación e de entendemento; comprendía xa que había outras paisaxes que atender, outras sombras que iluminar, outras alturas de vidro e formigón para darlle abeiro ás tamén novas relacións humanas. Desde a Consellería de Cultura e Turismo, presentamos esta mostra como unha invitación a organizarnos sobre a totalidade do que forma Galicia e a súa cultura, engadiu.
Pola súa parte, o responsable de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, que presentou a mostra interactiva como un novo exemplo de colaboración institucional, incidiu no interese desta iniciativa para axudar a recuperar un tempo e unha xeración de auténtica explosión artística e cultural manifestada de maneira singular na música e na literatura en lingua galega.
Se os anos oitenta do pasado século foron un momento especialmente interesante no ámbito social e político, asegurou o secretario xeral, non o foron menos no terreo literario, artístico ou audiovisual. Un momento de cambio, de experimentación e de apertura a múltiples tendencias e influencias foráneas que tan ben se representou e exemplificou na produción creadora de Lois Pereiro, afirmou.
Proposta interactiva e dinámica
O proxecto Lois Pereiro nas bibliotecas nodais consiste nunha instalación multimedia composta por unha pantalla multitáctil de gran tamaño, que flota horizontalmente sobre unha peana, e un muro vertical con dúas pequenas pantallas incrustadas sobre o que se desprega unha liña temporal coa vida e obra do autor. A pantalla multitáctil de 46 presenta un programa interactivo, dinámico e sensible á manipulación con dedos e xestos, que consta de catro apartados: Fotobiografía, A voz do poeta, Xogando coas palabras e A música.
No primeiro termo, Fotobiografía convida ao público a coñecer a vida de Lois Pereiro a través do seu álbum fotográfico familiar desde as súas orixes, a vida de neno en Monforte, a súa época en Madrid, as súas viaxes vitais e os seus últimos anos en Galicia. Inclúe ademais un túnel do tempo, onde se pode interactuar con estas imaxes. Ademais de presentar e afondar na súa produción literaria, o interactivo permitirá escoitar ademais A voz do poeta no mítico recital do café coruñés Moka en 1996.
En Xogando coas palabras ofrécese un xogo para interactuar cos poemas de Lois Pereiro. A través da pantalla táctil pódense xerar novas palabras e compoñer os poemas de Lois utilizando as axeitadas. A Música estará representada por unha selección de versos de Lois musicados por Manu Clavijo como Outro poema de amor e En Leonberg, Alexandro González con Contra a morte o amor que vai comigo, Nación Reixa con Furia, Fanny+Alexander con Postpunkdeirada, e Radio Océano con Narcisismo. Cunha aplicación a modo de picadiscos o visitante poderá escoitar as cancións que elixa, ademais de acceder aos comentarios e crítica musical de cada un dos temas.
O gran muro estático, de 2 metros de alto e 3,5 de ancho, mostra unha liña temporal cos fitos principais da biografía de Lois Pereiro e textos explicativos das súas diferentes etapas vitais. Dúas pantallas incrustadas no muro exhibirán en continuo preto de cen fotografías pertencentes ao álbum familiar do poeta.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.