
O vicepresidente da Deputación, o nacionalista Antón Bao, asistiu no Museo de Lugo á presentación do plano do Campo do Castelo procedente do arquivo do Pazo de Tor. Á presentación tamén asistiu o historiador Adolfo de Abel Vilela, así como a xerente da Rede Museística, Encarna Lago, e a directora do Museo de Lugo, Aurelia Balseiro. Trátase dun debuxo elaborado polo escultor lucense Agustín Baamonde, datado o 22 de xuño de 1757, que representa o que había nese momento no Campo do Castelo. Segundo o informe elaborado por Adolfo de Abel (Axúntase o informe a este correo), é probable que se trate dun esbozo elaborado para ser utilizado nun preito entre o bispo frei Francisco contra o marqués de Viance, no Real Consello.
Na súa intervención, Antón Bao explicou que o Pazo de Tor se está convertendo nun fondo importantísimo de descubrimentos históricos, sumando este plano a algúns instrumentos musicais moi valiosos, e agardamos que así continúe sendo. Lembrou que a Vicepresidencia Primeira da Deputación realizará un investimento para trasladar o arquivo deste pazo a un lugar óptimo para a súa conservación e estudo. O Pazo de Tor é un dos edificios singulares que entran no plan de posta en valor dos mesmos que desenvolverá a Área de Cultura: nel acometeranse as obras de iluminación e acondicionamento ambiental dos alpendres, algo que permitirá musealizar estes espazos e trasladar a un deles, os fondos da biblioteca do Pazo. Tamén se acometerán accións de conservación na carpinetería exterior do edificio. Estes alpendres, que xa foran rehabilitados nunha fase anterior, estarán destinados a albergar unha colección de carruaxes e albardeiría existente no Pazo. O investimento total ascenderá a un total de 190.000 .
O plano atopado e presentado hoxe é, segundo o informe do historiador, unha mestura de planta e alzado, cuxas medidas a escala seguramente corresponden coa realidade, pero que mostran un descoñecemento por parte do autor da planimetría e da perspectiva, a pesar de ser escultor, o que se observa na representación das amenas ou corpos altos das torres da muralla e na representación dos edificios. É posible que no arquivo do Pazo de Tor se conserve algunha documentación ou expediente relacionado con este mesmo asunto.
Do autor do plano Agustín Baamonde coñécense varias obras, como o retablo de San Antonio para a súa confraría, fundada no convento de San Francisco, varias imaxe de San Froilán na catedral maila de San Bartolomeu, os oito anxos que sosteñen as lámpadas da capela maior ou a imaxe de San Pedro, e o retablo da capela maior de San Xacinto de Monforte. O documento atopado no Pazo de Tor ten interese histórico dado que nos axuda a comprender mellor o que relata a documentación de diversas épocas.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.