Notas de prensa

O programa Galicia Classics promove en Lugo o espectáculo de música e poesía O soño dourado

O evento foi presentado no Edificio Administrativo da Xunta polo xefe territorial de Cultura e Turismo, José Carlos Rodríguez Andina, e o director artístico do proxecto, César Wonenburger.

O festival Galicia Classics, herdeiro do programa Xacobeo Classics, chega a Lugo co espectáculo poético-musical O soño dourado, que se representará no Círculo das Artes a partir das 20.30 horas.

O evento foi presentado hoxe no Edificio Administrativo da Xunta polo xefe territorial de Cultura e Turismo, José Carlos Rodríguez Andina, e o director artístico do festival, César Wonenburger.

No marco do festival, a Consellería de Cultura e Turismo organizou o ciclo En xira para que o público de diversas cidades galegas puidera achegarse á obra de escritores como Cunqueiro, Rosalía de Castro ou Curros Enríquez, e ás pezas de compositores galegos como Xoán Montes, Lens Viera, Juan Durán ou Antón de Santiago. Todo elo da man da soprano Patricia Morchón e do Conxunto Instrumental Cítola e baixo a dirección do propio Antón de Santiago.

O xefe territorial de Cultura e Turismo sinalou o esforzo da consellería para “potenciar o sector musical apostando polos nosos artistas e creadores, e redobrando os esforzos para que o progreso do sector non se deteña”. A este fin contribúen iniciativas como Galicia Classics, incidiu, “que enchen de contido a declaración por parte da Xunta de 2011 como Ano da Música en Galicia”.

A música, destacou Rodríguez Andina, “é parte importante da nosa cultura, pero tamén é industria, e esta declaración do Ano da Música en Galicia quere recoñecer o carácter estratéxico do sector dentro da cultura e da economía galega”.

O xefe territorial de Cultura subliñou que con esta iniciativa a Consellería de Cultura e Turismo pretende “poñer en valor a música de Galicia, plasmar a importancia que ten para o desenvolvemento da cultura propia e recoñecer o pulo que supón a música para as nosas industrias culturais”.

Pola súa banda, o director artístico de Galicia Classics, César Wonenburger, subliñou que “no ano Cunqueiro, quixemos propoñer un programa baseado en poemas e músicas de autores da terra, con participación de intérpretes da terra, de aí a presenza de representantes da lírica galega como Antón de Santiago, Patricia Morchón e o Grupo Cítola, con músicos de conservatorios galegos”.

Logo da presentación en Lugo, o espectáculo O soño dourado terá continuidade nas cidades de Santiago, Pontevedra e Ferrol, seguindo coa ampla cobertura e a promoción dos talentos galegos que procura o festival Galicia Classics para as propostas que pon en marcha. “Galicia Classics non só leva aos mellores intérpretes, orquestras e agrupacións por toda a comunidade, senón que na programación ocupa un lugar moi especial a música de creadores galegos e os seus intérpretes”.

Gabinete de Comunicación da Delegación Territorial da Xunta de Galicia en Lugo, 2011-04-13

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES