
A Consellería de Cultura e Turismo, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e da Fundación Cidade da Cultura, patrocina a novena edición dos Premios Mestre Mateo do audiovisual galego, mediante unha achega económica de 90.000 euros á Academia Galega do Audiovisual, entidade organizadora destes galardóns. Esta contía destínase tanto ao desenvolvemento da gala de entrega, que terá lugar o vindeiro domingo día 17 no Auditorio Municipal de Ourense, como á realización dunha serie de actividades complementarias cara á promoción dos traballos finalistas e gañadores.
Segundo recolle o texto do acordo, dentro deste programa paralelo inscríbense, entre outras iniciativas, un proxecto de intercambio coa Acadèmia del Cinema Català para a exhibición en Barcelona das curtametraxes presentadas aos premios e das longametraxes gañadoras, a proxección no Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) da Coruña dalgunhas das fitas galardoadas e a edición do anuario Papeis da Academia Galega do Audioviosual, onde se recollerá información sobre todas as actividades promovidas pola entidade entre xuño de 2010 e xuño de 2011, con especial atención a esta nova edición dos seus premios.
Ao abeiro desta colaboración celebráronse, así mesmo, os Encontros Mestre Mateo, que se desenvolveron durante toda a semana pasada en seis escolas de audiovisual, onde os seus estudantes tiveron a oportunidade de asistir á proxección de varios dos traballos candidatos, así como de intercambiar impresións e experiencias cos seus responsables.
Por segundo ano consecutivo, o actor Xosé Antón Touriñán volverá ser o encargado de conducir a gala, acompañado nesta ocasión pola xornalista Belén Regueira. No transcurso da mesma, farase entrega dos galardóns aos vencedores das 27 categorías convocadas, ademais do Premio de Honra Fernando Rey a Luis Tosar e o Revelación Chano Piñeiro a Óliver Laxe.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.