
O estudantado de filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC) vén de sumarse á celebración dos 50 anos da publicación de Memorias dun neno labrego. Faino cunha homenaxe ao seu autor, Xosé Neira Vilas, a través da organización dunhas xornadas que se desenvolven na Facultade de Filoloxía da USC e coas que colabora a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.
As xornadas de homenaxe a Xosé Neira Vilas afondarán en Memorias dun neno labrego, así como no resto da obra do escritor, e incidirán no contexto político e social da creación e difusión deste libro. O traballo cultural galego no exilio americano, o mundo rural ou os novos xeitos de cultura son outros dos temas que se tratarán nas xornadas, a través de diversos relatorios.
A clausura das xornadas incluirá un coloquio co autor de Memorias dun neno labrego e mais unha homenaxe, que contará cun recital poético e cunha actuación musical.
Querido Balbino: un percorrido pola vida e obra de Neira Vilas
Con motivo da conmemoración dos 50 anos de Memorias dun neno labrego, a Secretaría Xeral de Política Lingüística tamén impulsou Querido Balbino. 1961-2011 Cincuenta Anos de Memorias dun neno labrego, unha exposición organizada pola Consellería de Cultura e Turismo e na que tamén colaboran a Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural e a Deputación de Pontevedra.
A mostra, que foi inaugurada o día 1 deste mes na Biblioteca González Garcés da Coruña, inclúe fotografías, vídeos e correspondencia que permiten coñecer a traxectoria vital de Xosé Neira Vilas e de Memorias dun neno labrego. Exhíbense, ademais, 10 traballos de pintores galegos que renden a súa particular homenaxe á obra máis lida da literatura galega.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.