Notas de prensa

O jazz de Xacobe Martínez Antelo Cuarteto abre o ST Música Presente

A presentación do álbum Jazz from Galiza!! do compositor e contrabaixista preséntase no Salón Teatro de Compostela no marco do ciclo de concertos promovidos por Agadic. Este disco debut explora as diversas vertentes do jazz, desde o free-jazz ao máis clásico, con incursións na parte más melódica do xénero e incluso cun pasodobre.

A banda de jazz Xacobe Martínez Antelo Cuarteto protagoniza o mércores día 13 de abril no Salón Teatro unha nova cita musical inserida dentro do ciclo de concertos ST Música Presente, posto en marcha pola Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) da Consellería de Cultura e Turismo co obxectivo de facilitar a promoción especial de discos galegos a través de recitais dirixidos preferentemente ao público especializado, pero abertos tamén a todos os espectadores. No caso da actuación do 13 de abril, que dará comezo ás 21:00 horas, o grupo do compositor e contrabaixista compostelán presentará en directo os temas do seu primeiro traballo discográfico, Jazz from Galiza!!, editado por Freecode.

Este disco debut explora as diversas vertentes do jazz, desde o free-jazz ao máis clásico, con incursións na parte más melódica do xénero e incluso cunha reinterpretación do pasodobre. O álbum conta con material orixinal composto e arranxado expresamente para unha formación acústica.

Autodidacta activo

Xacobe Martínez Antelo declárase autodidacta activo. Comezou no mundo da música cando contaba 13 anos, e xa leva 21 subíndose aos escenarios. Durante a súa extensa traxectoria profesional participou en proxectos como Clan Moriarty, 3pies, Sumrrá, La Tirana, Cool Hamster, Banda Baliza, Bi, Ulo Trío ou Monkillos, e colaborou tamén con artistas do talle de Narf, Mercedes Peón, Marful, Carlos Blanco, Terela Gradín, Marcelino Galán, S.E.M. Big Band, Imaxina Jazz Orquestra, Uxía…

En 2006 ve a luz o seu primeiro proxecto á fronte do seu Quinteto, Isto é Jazz!!!, e tres anos máis tarde presenta unha nova formación, con traballo discográfico incluído: Xacobe Martínez Antelo Trío. En 2010 continúa co seu proceso de investigación en torno a unha formación especificamente jazzística e forma o grupo Xacobe Martínez Antelo Cuarteto, integrado por dous saxos tenores (Rosolino Marinello e Fernando Sánchez), contrabaixo (o propio Antelo) e batería (Max Gómez).

Promoción e difusión de discos galegos

Promovido pola Agadic, en colaboración con AGEM (Asociación Galega de Empresas Musicais) e Agaphono (Asociación Galega de Produtoras Fonográficas), o ciclo ST Música Presente botou a andar en 2010 co obxectivo de ofrecer ás discográficas galegas unha nova canle de promoción e difusión dos seus artistas desde unha perspectiva esencialmente comercial, xa que os principais destinatarios destes directos son programadores, promotores de festivais e certames de música, distribuidores, prensa especializada e demais axentes culturais de dentro e fóra de Galicia.

Teñen participado neste programa artistas como Linho do Cuco, Anxo Lorenzo, Emilio Rúa, Álvaro Vieito Cuarteto, Ophiusa ou Bellón Maceiras Quinteto, Niño y Pistola ou Bruma, entre outros.

As entradas para o concerto de Xacobe Martínez Antelo Cuarteto xa están á venda, ao prezo especial de 5 euros, a través da billeteira electrónica da páxina web www.sientelaunion.es e do teléfono 902 43 44 43. No despacho de billetes do Salón Teatro poderán adquirirse o propio mércores a partir das 19.00 horas.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2011-04-12

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES