
A Fundación Galicia Europa (FGE) participa cun stand propio na IV Feira Europea de Emprego que se celebra no Campus de Elviña da Coruña, o 11 e 12 de abril. O equipo da FGE informará aos asistentes sobre as distintas bolsas que convoca anualmente, dirixidas a formar aos mozos e mozas galegos nos asuntos comunitarios, e distribuirá exemplares da Guía de prácticas e saídas laborais na Unión Europea e organizacións internacionais, editada pola propia Fundación.
Ata a actualidade máis de 400 persoas teñen participado no programa de formación da FGE, que consta de cinco liñas principais: as bolsas sobre asuntos europeos dirixidas a titulados universitarios nas oficinas belga e compostelá da FGE; os masters de especialización na UE en centros universitarios belgas; as dotacións económicas para estudantes que estean a realizar prácticas non remuneradas nalgunha institución comunitaria; as estadías curtas en Bruxelas para o persoal dos membros do Padroado da Fundación; e unha bolsa sobre a xestión de proxectos europeos de I+D+i no ámbito sanitario.
Nestas xornadas, o equipo da Fundación repartirá exemplares da nova edición actualizada da Guía de prácticas e saídas laborais na Unión Europea e organizacións internacionais. Nela recóllense e sintetízanse as bolsas que ofrecen a FGE, as consellerías da Xunta de Galicia, entidades públicas ou privadas de prestixio, institucións da UE, e organizacións internacionais como a ONU, o FMI, a OMC, o Banco Mundial... e organismos dedicados á cooperación internacional, como a AECID, Cruz Vermella, Intermon Oxfam
Ademais, a Fundación participará nunha das mesas redondas incluídas no programa da Feira. O asesor técnico da FGE, Luis Gago, intervirá no coloquio Xuventude en Movemento que se terá lugar o martes ás 11.30h na Facultade de Ciencias da Educación.
IV Feira Europea de Emprego
Este evento, organizado pola Universidade da Coruña-SAEE e Europe Direct Coruña co apoio do concello herculino e da Xunta de Galicia, busca reunir a empresas e organismos públicos co fin de promover a mobilidade laboral dos máis novos.
As entidades participantes orientarán e informarán sobre as oportunidades laborais e de formación aos visitantes, así como intervirán en cafés-negocios nos que se analizará a necesidade de dinamizar o emprego a nivel local, rexional e europeo.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.