Notas de prensa

O CGAC impulsa o II ciclo titulado Música e Arte: correspondencias sonoras

A proposta vincula a música contemporánea coas exposicións que se exhiben no CGAC: a da artista italobrasileira Anna María Maiolino; a colectiva Estades preparados para a televisión?; e a do norteamericano Jeff Wall. Este ciclo está vencellado coa creación musical do século XXI.

O Centro Galego de Arte Contemporánea presentou a segunda edición do Ciclo Música e arte: correspondencias sonoras, unha proposta que vincula a música contemporánea con cada unha das exposicións que se exhiben na actualidade no centro. Ao acto de presentación asistiron o director do CGAC, Miguel von Hafe Pérez; o director deste programa, Pablo Coello; e o músico Rubén Barros, quen fixo un avance musical dunha peza que interpretará no ciclo.

Nesta segunda edición de Música e arte: correspondencias sonoras, serán tres as mostras do CGAC que conten cun contrapunto musical: unha exposición sobre a artista italobrasileira Anna María Maiolino, producida pola Fundación Tàpies en colaboración co CGAC e o Malmö Konsthalle; unha mostra colectiva titulada Estades preparados para a televisión? e coproducida polo CGAC e o MACBA de Barcelona; e por último a mostra individual do artista norteamericano Jeff Wall, que pechará o programa anual de exposicións.

O primeiro dos concertos, inspirado na obra de Anna María Maiolino, pon o acento nas dicotomías, na preocupación da artista pola linguaxe e pola utilización de xestos primarios e movementos repetitivos. Para visualizar estes aspectos da súa obra escolleuse unha combinación instrumental que presenta unha clara dualidade: o mundo do soprano a través do cuarteto de saxofóns (S@X21, de Galicia) e a natureza acústica das cordas (Quarteto de cordas de Motosinhos, de Portugal), cun programa que explota as posibilidades da linguaxe e da fala nun contexto instrumental, a transformación de diferentes naturezas acústicas e o movemento vinculado á figuración e ao son.

A proposta musical ligada a mostra Estades preparados para a televisión? presenta, entre outros títulos como Trash TV France ou Propaganda, e inclúe música electrónica en vivo combinada con instrumentos acústicos e coa guitarra que aínda que inicialmente estivo vinculada ás músicas populares coma o rock ou o jazz, foi asimilada desde hai tempo pola música clásica contemporánea.

Para o terceiro concerto, a agrupación galega Vertixe Sonora presenta un programa concibido como un retrato sonoro arredor da obra do fotógrafo Jeff Wall: cinco pezas, todas encargas e estreas absoluta da ensemble, amosan a visión ou interpretación que da obra deste artista canadense fan cinco compositores de estéticas diferentes.

Este ciclo, que está directamente vinculado coa creación musical do século XXI, presenta oito estreas absolutas, encargadas por S@21 e Vertixe Sonora a varios representantes dunha nova, interesante e creativa xeración de compositores do panorama internacional: Jacobo Gapar (Pontevedra, 1975), Xabier Mariño (Ponteareas 1983), Ramón Souto (Vigo, 1976), Lula Romero (Palma de Mallorca, 1976), Germán Alonso (Madrid, 1984), Víctor Ibarra (Guadalajara, México, 1978), Yashiaki Onishi (Hokkaido, Xapón, 1981), Mauricio Pauly (San José, Costa Rica, 1976), ademais de cinco estreas en España de Georges Aperghis (Atenas, 1945) e Franck Bedrossian (Francia, 1971), Helmut Oehring (Berlín, Alemaña, 1971), Pedro Rebelo (Portugal, 1972) e Fausto Romitelli (Italia, 1963-2004).

Os concertos terán lugar no auditorio do CGAC de abril a novembro, a entrada é de balde e limitada a capacidade da sala. Asemade, antes de cada concerto realizaranse visitas guiadas ás exposicións do centro conducidas por profesionais do ámbito cultural e artístico.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2011-04-06

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES