
O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, presentou na Cidade da Cultura de Galicia o 'III Congreso Internacional sobre a Cultura Celta. Os celtas da Europa Atlántica como un evento que nos achega á ollada dos mellores especialistas do mundo a un pasado que aínda hoxe impregna o noso presente e tamén o fará no futuro. En verbas do conselleiro de Cultura, as xornadas que se celebrarán en Narón nos próximos 15, 16 e 17 de abril constitúen unha oportunidade excelente para estreitar os lazos que nos achegan a rexións europeas coas que compartimos pasado, mitos, referentes culturais e posiblemente, segundo investigacións científicas, mesmo trazos xenéticos.
A rolda de prensa celebrada na Cidade da Cultura contou coa participación asemade do decano do Instituto Galego de Estudos Célticos (IGEC) e comisario do congreso, Andrés Pena, o catedrático de Arqueoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, Fernando Acuña e a profesora do IGEC e doutora en Historia Antiga, Blanca García. Segundo asegurou Roberto Varela na súa intervención, o terceiro Congreso Internacional sobre la Cultura Celta, que contará coa presenza dos principais expertos europeos e internacionais no estudo da cultura e civilización celta, afondará no estudo das raíces da nosa identidade e da nosa cultura, e axudarán a ampliar o coñecemento acerca do noso pasado.
O responsable de Cultura e Turismo vinculou no seu discurso ás rexións de orixe celta e asegurou que existen conexión culturais máis que evidentes entre elas. O conselleiro sinalou como mostras destas similitudes os traballos arqueolóxicos que se remontan á Idade de Ferro, elementos lingüísticos e toponímicos prerromanos ou unha sensibilidade musical compartida, entre moitas outras semellanzas. Do mesmo xeito destacou como o renacemento na literatura do orgullo por ese pasado celta coincidiu no tempo en pobos como o irlandés, o bretón ou o galego.
Roberto Varela puxo de relevo a vontade de Galicia e de todos os galegos por amosarse como un pobo aberto e disposto a coñecer as peculiaridades doutras culturas, así como para transmitir as nosas propias. Neste sentido o conselleiro subliñou a importancia da Cidade da Cultura como un símbolo da capacidade da Galicia do século XXI para converterse en foco de intercambios culturais, e para erixirse en centro dende o cal se exportan coñecementos a outros países de Europa, Iberoamérica ou a calquera parte do mundo.
Desde o venres 15 de abril ata o domingo 17 do mesmo mes terá lugar en Narón o Terceiro Congreso Internacional sobre a Cultura Celta, nesta ocasión centrado na temática de Os celtas da Europa Atlántica. Para máis información do congreso prema aquí: http://www.estudosceltas.org/
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.