Notas de prensa

Arrancan os ensaios do musical A ópera dos tres reás, protagonizado por Tosar

O Centro Dramático Galego arranca os ensaios da Ópera dos tres reás, protagonizada por Luis Tosar e dirixida por Quico Cadaval. A estrea está prevista para o 23 de xuño e seleccionarase unha orquestra de seis músicos.

O equipo artístico e técnico que integra A ópera dos tres reás, a produción musical de gran formato que o Centro Dramático Galego (CDG) estreará en Santiago o 23 de xuño, inicia o luns día 4 de abril os ensaios actorais baixo a dirección de escena de Quico Cadaval e con Luis Tosar como protagonista. A compañía teatral pública materializa así un dos principais proxectos da súa directora, Blanca Cendán, que levará ao CDG a exhibir en escenarios galegos e de fóra de Galicia ata o vindeiro mes de outubro a súa versión sobre a obra de Bertolt Brecht e Kurt Weill.

Instalados na nave de servizos múltiples que mantén a Agadic no compostelán polígono empresarial de Costa Vella, tanto Luis Tosar (no personaxe de Mackie Navalla) como o resto do elenco integrado por Begoña Santalices, Marcos Orsi, Muriel Sánchez, Mónica de Nut, César Goldi, Alba Messa, Víctor L. Mosqueira, Marta Pazos, Francisco Pérez "Narf" e Sergio Zearreta, dedicarán as vindeiras semanas á creación dos perfís dos personaxes e ao adestramento vocal xunto ao director de canto Ramón Bermejo. Quico Cadaval, xunto a Nuria Sanz como axudante na dirección escénica, atópase estes días inmerso nos traballos de adaptación do texto orixinal e de composición dramatúrxica.

Esta fase inicial de ensaios realizarase coas primeiras achegas de escenografía e atrezzo básico desenvolvidos por Baltasar Patiño, responsable da iluminación e deseño do espazo escénico, así como cos figurinos debuxados por Carlos Alonso, autor do vestiario.

Orquestra de seis músicos

Paralelamente, un total de 23 aspirantes participan tamén nas probas que desenvolve o CDG co fin de seleccionar os seis instrumentistas que porán a música en directo nesta ópera paródica. Estas audicións están a ter lugar na sala Roberto Vidal Bolaño, no Campus Sur de Santiago, en sesións de mañá e tarde ata as 13.30 horas do vindeiro mércores 6.

Do resultado destas probas sairá unha orquestra de seis músicos con capacidade para tocar 17 instrumentos: saxo alto, saxo tenor, saxo soprano, saxo barítono, frauta, frautín, clarinete, fagot, trompeta, trombón de varas, contrabaixo, banjo, bandoneón, guitarra, mandolina, timbais e percusión. O grupo de músicos incorporarase aos ensaios o 23 de maio.

Á estrea de A ópera dos tres reás, que terá lugar o 23 de xuño no Auditorio de Galicia en Santiago de Compostela, seguirá unha xira que se prolongará inicialmente ata principios de outubro por distintos escenarios e festivais dentro e fóra de Galicia. A montaxe, que forma parte da programación organizada pola Consellería de Cultura e Turismo para celebrar o Ano da Música, suporá grandes fitos para a escena musical galega como a estadía durante dúas semanas en Madrid ou a visita do CDG por vez primeira ás Illas Canarias.

Baseándose na peza do dramaturgo inglés John Gay A ópera do mendigo (1728), Brecht sitúa na Alemaña dos anos trinta un mundo de delincuencia, crise, prostitución, miseria e abusos, no que o popular delincuente Mackie Messer seduce a filla do rei dos mendigos. Unha voda nunha corte é o detonante dunha carreira vertixinosa en que os mendigos, as prostitutas e a policía comparten protagonismo, audacias e un final sorprendente.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2011-04-04

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES