
O Consello da Xunta de Galicia aprobará a Oferta de Emprego Público (OEP) para o ano 2011, pola que a Administración autonómica saca a oposición 250 prazas no ámbito de Función Pública, tendo en conta as destinadas a persoal funcionario de novo ingreso e as de promoción interna.
Segundo explicou en rolda de prensa o director xeral da Función Pública da Consellería de Facenda, José María Barreiro, do total das prazas da oferta de emprego público presentada, 154 son de novo ingreso, 49 pertencentes á Administración Xeral e 105 á Administración Especial; e 96 prazas están destinadas á promoción interna para o persoal funcionario dos distintos corpos A1 e C2 da Administración Xeral da Xunta de Galicia.
Barreiro explicou que OEP 2011 cumpre así, a taxa de reposición de efectivos do 10% establecida pola Lei de Orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia e precisou que se concentra nos sectores, funcións e categorías profesionais que se consideran prioritarios ou que afectan ao funcionamento dos servizos públicos esenciais.
Ademais, o director xeral sinalou que esta oferta está concibida coma un instrumento de programación das necesidades de persoal e de racionalización do emprego público e dos procesos de selección do persoal ao servizo da Administración pública, nos que deben primar os principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade.
Prazas xa orzamentadas que reducen a temporalidade do emprego público
José María Barreiro destacou tamén que todas as prazas ofertadas están ocupadas provisionalmente por persoal interino ou por persoal laboral indefinido adscritos a unha praza de funcionario, e dotadas orzamentariamente incluídas nas relacións de postos de traballo vixentes, polo que non suporía un maior custe para a Administración autonómica, ademais de aportar estabilidade no emprego e reducir a temporalidade.
Os criterios de asignación das prazas da OEP 2011 aos corpos e escalas que se inclúen atópanse condicionados, con carácter xeral, polos ámbitos ou sectores que se consideran preferentes de acordo coa estratexia de austeridade e de contención de gasto levada a cabo polo Executivo galego.
Maior profesionalización da Administración
No ámbito das prazas de novo ingreso que se ofertan son, na maior parte, pertencentes á Administración Especial e Escalas co fin de acadar unha maior profesionalización. Estas prazas son demandadas por unidades cunha importante especialización.
Deste xeito, a oferta para 2011 inclúe prazas de persoal especializado en distintos ámbitos da Administración Autonómica. Entre estas. están as relativas ás unidades de informática, pola incorporación e afianzamento das novas tecnoloxías da información; as relativas á escala superior e técnica de finanzas, necesarias para a posta en marcha da Axencia Tributaria; escala de estatísticos, co fin de potenciar o Instituto Galego de Estatística; escala de letrados, polo incremento da litixiosidade nas Administracións Públicas; escala de inspección urbanística para o afianzamento da Axencia de legalidade urbanística; así como prazas de arquitectos e enxeñeiros das distintas especialidades pola alta demanda que se require de persoal técnico cualificado. Tamén se incorporan as prazas derivadas da administración especial relativas a bibliotecas e arquivos para a posta en marcha da Cidade da Cultura.
O actual Goberno galego está levando a cabo unha política racional de recursos humanos. Hai que lembrar que a Oferta de Emprego Público en 2009 xa foi moi restritiva e limitouse a 167 novas prazas e que non a houbo o ano pasado, mentres que para este exercicio a OEP está centrada en prazas especializadas co obxectivo de contar con persoal que mellore o servizo público ao cidadán.
ANEXO OFERTA DE EMPREGO PÚBLICO PARA O ANO 2011
ACCESO LIBRE
1. ADMINISTRACIÓN XERAL
a) Corpo Superior de Administración da Xunta de Galicia (Subgrupo A1)
-Escala de letrados/as............................................................................6
-Escala de sistemas e tecnoloxía da información..................................15
-Escala superior de finanzas..................................................................8
-Escala superior de estatísticos..............................................................4
b) Corpo de Xestión de Administración da Xunta de Galicia (Subgrupo A2)
-Escala técnica de finanzas....................................................................8
-Escala de xestión de sistemas de informática.......................................8
2. ADMINISTRACIÓN ESPECIAL
a) Corpo facultativo superior da Xunta de Galicia (Subgrupo A1)
-Escala de inspección urbanística..........................................................7
-Escala de enxeñeiros/as de minas........................................................9
-Escala de enxeñeiros/as industriais......................................................11
-Escala de arquitectos/as.......................................................................6
-Escala facultativa de arquivos, bibliotecas e museos
Especialidade bibliotecas.............................................................7
Especialidade de arquivos...........................................................3
-Escala de enxeñeiros de Telecomunicacións.......................................2
-Escala de biólogos................................................................................8
-Escala de arqueólogos..........................................................................1
-Escala de mestres numerarios de institutos politécnicos marítimo
pesqueiros:
Especialidade de máquinas e instalacións mariñas....................6
Especialidade de lexislación marítima.........................................1
Especialidade de navegación marítima.......................................1
Especialidade de pesca marítima................................................1
Especialidade de procesos de cultivo acuícola...........................5
Especialidade de inglês marítimo................................................1
Intervención subacuática e hiperbárica.......................................1
Medicina subacuática e hiperbárica............................................1
b) Corpo facultativo de grão médio da Xunta de Galicia (Subgrupo A2)
-Escala de enxeñeiros/as técnico de minas..........................................8
-Escala enxeñeiros/as técnicos industriais............................................5
-Escala de axudantes de arquivos, bibliotecas e museos:
Especialidade de bibliotecas.......................................................7
Especialidade de arquivos...........................................................9
-Escala de topógrafos/as........................................................................1
c) Corpo de axudantes facultativos da Xunta de Galicia (Subgrupo C1)
-Escala de delineantes.............................................................................4
TOTAL: 154
PROMOCIÓN INTERNA
a) Corpo Superior de administración da Xunta de Galicia (Subgrupo A1)..15
b) Corpo auxiliar da Xunta de Galicia (Subgrupo C2)....................................81
TOTAL: 96
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.