Notas de prensa

O Goberno galego destina 2,6 millóns de euros a proxectos innovadores nas TIC

Subvencionarase a creación de produtos e servizos destinados a áreas tecnolóxicas que permitan avances na eficiencia enerxética, na TDT ou novas utilidades TIC aplicadas ao transporte, a loxística e ao sector marítimo, según a convocatoria.

A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica destina este ano un total de 2.600.000€ a potenciar o desenvolvemento do sector empresarial da sociedade da información en Galicia. Así se recolle nunha orde de axudas, publicada no Diario Oficial de Galicia, do martes 29 de marzo que establece dúas liñas de subvencións para que as empresas TIC poidan xerar e ofertar no mercado novos produtos e servizos tecnolóxicos.

Por unha banda, a orde contempla unha liña de axudas orientada á creación de novos produtos e servizos tecnolóxicos por parte das empresas TIC ou novas versións de produtos xa desenvolvidos ou comercializados con anterioridade. Por outra banda, a orde subvencionará a elaboración de produtos ou prestacións que melloren servizos de interese xeral para os cidadáns

Produtos e servizos TIC

No primeiro caso, as iniciativas que se presenten deberán incidir nalgunha das seguintes áreas: converxencia e accesibilidade IP, orientados á converxencia entre a telefonía fixa/móbil e Internet así como solucións que fomenten o acceso a Internet de calidade desde calquera dispositivo distinto de móbil ou ordenador; mobilidade, localización e GIS (sistemas de información xeográfica); avance na TDT; eficiencia enerxética; mellora do fogar dixital; novas utilidades TIC aplicadas ao transporte, loxística ou sector marítimo que aumenten a eficiencia e seguridade ou acaden unha integración entre outras tecnoloxías.

Mellorar servizos de interese xeral

Os proxectos que se centren na mellora das actuacións de interese xeral para os cidadáns a través das TIC deberán orientarse a: servizos sociosanitarios, desenvolvendo aplicacións para a prestación e xestión de actuacións, especialmente as relacionadas coa saúde ou a dependencia (teleasistencia, servizos e dispositivos de localización, de alarma, etc.); a educación, mediante ferramentas de creación de contidos dixitais, plataformas de aprendizaxe on-line, plataformas de control do alumnado na aula, ou outros ámbitos de servizos electrónicos de interese xeral, non necesariamente vencellados á Administración.

Prazo

A concesión destas axudas, que contan co financiamento do 80% do Fondo de Desenvolvemento Rexional FEDER, realizarase en réxime de concorrencia competitiva. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. As solicitudes presentaranse en formato electrónico, ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia, mediante sinatura electrónica do representante legal da entidade solicitante. Pódese acceder A documentación sobre a convocatoria de axudas na páxina web da secretaría http://imit.xunta.es, no apartado “Axudas” e na páxina web da Xunta www.xunta.es, a través do enlace do Diario Oficial de Galicia.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2011-03-29

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES