Notas de prensa

Agadic lidera a candidatura do europeo Garage Project

Este proxecto implica a entidades de 14 países e opta ao programa Interreg IV-C no apartado de innovación e economía do coñecemento. Prevese a creación do Observatorio das Industrias Culturais e Creativas.

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) lidera o proxecto de cooperación en innovación creativa e cultural “Garage Project” na súa candidatura ao programa europeo Interreg IV-C, poñéndose á fronte dun partenariado integrado por un total de 15 institucións e organismos vinculados ás industrias culturais e creativas de 14 países. A entidade da Consellería de Cultura e Turismo é, así mesmo, a anfitrioa da primeira reunión conxunta entre os socios, que se desenvolve durante toda a xornada na Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela, como parte da fase preparatoria contemplada no calendario de traballo da proposta.

Coincidindo coa celebración da xuntanza, o director da Agadic, Juan Carlos F. Fasero, presentou publicamente esta iniciativa, que baixo o subtítulo “Transferindo creatividade” centra os seus esforzos na posta en valor do emprendedurismo creativo, a innovación non tecnolóxica e a creatividade como activo empresarial, cara á súa difusión e traslado a outros ámbitos económicos, ampliando así o horizonte das chamadas industrias culturais ou creativas. Tamén participaron nesta presentación Julia Riedel, responsable da Empresa Pública de Xestión da Innovación do estado alemán de Renania, e Adolfo Neira, director da oficina de coordinación da candidatura.

Emprendedurismo de garaxe

O proxecto reivindica dende o seu título o espírito do “emprendedurismo de garaxe”, en referencia ás modestas instalacións de Sillicon Valley, en California, nas que botaron a andar pequenas empresas que, a pesar dos seus reducidos recursos iniciais, lograron converterse en multinacionais punteiras no seu sector e referentes de innovación e creatividade.

Neste sentido, o “Garage Project” estudará casos de éxito de empresas ou de produtos e servizos cun alto compoñente creativo, difundiraos como modelo a seguir e favorecerá o intercambio de boas prácticas mediante plans de implementación e accións piloto en cada un dos territorios involucrados. Aínda que inicialmente estas accións xirarán arredor de experiencias emprendedoras de base creativa e de transferencia da creatividade a sectores maduros da economía, a proposta tamén prevé identificar e intercambiar novas aproximacións á figura do clúster, entre outras prácticas.

Orzamento e actividades

Cun orzamento total estimado en 2.450.000 euros, do que un 75% sería financiado con cargo ao apartado “Innovación e economía do coñecemento” do Interreg IV-C, o “Garage Project” prevé entre as súas actividades a posta en marcha do Observatorio das Industrias Culturais e Creativas, dun repositorio de boas prácticas e dunha web 2.0 que contará cun apartado específico denominado Creative Women (Mulleres Creativas), así como a celebración de tres workshops temáticos interrexionais e dous seminarios internacionais.

Xunto coa Agadic, outras 14 entidades están implicadas nun proxecto que conta con representación de 14 Estados europeos: ademais de España, Alemaña (departamento de desenvolvemento económico da cidade de Stuttgart e o Designforum de Renania-Palatinado), Bulgaria (asociación rexional de municipios de Central Stara Planina), Eslovenia (instituto público Maribor 2012), Estonia (Centro de Industrias Creativas de Tartu), Finlandia (Consello Rexional de Finlandia Central), Hungría (Axencia de Desenvolvemento Rexional de Észak-Alföld), Holanda (Instituto de Investigación OTB da Universidade de Tecnoloxía de Delft), Italia (Concello de Xénova), Irlanda (Autoridade Rexional do Sueste), Lituania (Parque Científico Rexional KTU), Polonia (Fundación para o Emprendedurismo de Gdansk), Portugal (asociación Inteli) e Reino Unido (Trinity Saint David da Universidade de Gales).

Prazos

O programa europeo de cooperación interrexional Interreg IV-C dará a coñecer os proxectos financiados na presente convocatoria a finais de 2011. As iniciativas subvencionadas deben comezar a desenvolverse a primeiros de 2012 e ter unha duración de entre 12 e 36 meses. Así, o calendario de traballo previsto no “Garage Project” esténdese ata o primeiro trimestre de 2014.

Nestes momentos, a Axencia Galega das Industrias Culturais participa tamén noutros tres proxectos europeos: como entidade coordinadora do European Acoustic Heritage (Patrimonio Acústico Europeo), que acaba de ser aprobado dentro do programa Cultura 2007-2013 da Comisión Europea; e como socia do Tour d’Europe des Chorégraphes (Tour Europa de Coreógrafos), a través do Centro Coreográfico Galego, e da nova candidatura da iniciativa Jeunes Talents du Cirque Europe (Novos Talentos do Circo Europeo), a través do Centro Dramático Galego.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2011-03-15

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-cuantica.jpg) CiberLabFP configúrase como un espazo de aprendizaxe, experimentación e desenvolvemento de competencias en contornos reais que integran tecnoloxías da información (IT) e de operación (OT) para así adaptar a Formación Profesional aos novos escenarios de transformación dixital. Entre as súas funcionalidades destacan a formación especializada do profesorado, a simulación de ciberataques e defensa en contornos virtuais, a análise forense industrial ou a validación de sistemas. Ademais, contará cunha estación móbil que permitirá levar a tecnoloxía a centros educativos e realizar demostracións en empresas e feiras.
Foto de la tercera plana (costa-litoral-illas-cies.jpg) Celebrouse hoxe a sesión constitutiva do Foro do Litoral de Galicia, que será o máximo órgano colexiado de consulta e participación do conxunto da sociedade co fin de optimizar a xestión e ordenación da costa galega. Nel están representadas a Administración autonómica e as locais así como os sectores social, científico, económico e medioambiental e as entidades implicadas na protección do patrimonio natural co fin último de garantir unha gobernanza que permita unha participación suficiente de todos os sectores da sociedade interesados no litoral. A constitución do foro facilitará a partir de agora facer un seguimento das normas, políticas e instrumentos do litoral.

Notas

Baixo o lema A inclusión no centro: perspectivas internacionais para o cambio institucional desenvolverase entre os días 4 e 8 de maio a International Staff Week 2026, unha iniciativa coa que a Vicerreitoría de Internacionalización persegue un triplo obxectivo: fortalecer as relacións internacionais da UVigo: explorar novas oportunidades de colaboración académica; e compartir boas prácticas en materia de mobilidade internacional.
Un estudo realizado por persoal investigador do grupo de Neurobioloxía Celular e Molecular da Enfermidade de Parkinson do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS) e da Universidade de Cambridge, coa colaboración doutras institucións europeas como o Instituto Karolinska, propón unha nova forma de entender como se dana e se repara o cerebro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES