Notas de prensa

O CGAI celebra o seu 20º aniversario con Todos vós sodes capitáns, de Laxe

O CGAI celebra o seu XX aniversario coa estrea de Todos vós sodes capitán’, película galega galardoada en Cannes de Oliver Laxe, e a proxección de imaxes inéditas de Galicia do NO-DO. Inaugurouse en 1991 para recuperar, catalogar e difundir o patrimonio audiovisual e fotográfico galego.

O Centro Galego de Artes da Imaxe celebra o seu XX aniversario cun ciclo especial que, do 15 ao 18 de marzo, incluirá a estrea da película "Todos vós sodes capitáns", e a proxección de imaxes inéditas de Galicia do NO-DO. Así o anunciou o secretario xeral de Medios da Xunta de Galicia, Alfonso Cabaleiro, nunha comparecencia ante os medios de comunicación na que estivo acompañado polo director do CGAI, Guillermo Escrigas.

"Todos vós sodes capitáns", de Oliver Laxe, obtivo o recoñecemento máis importante da historia do cine galego, o premio FIPRESCI en Cannes 2010. Dentro das imaxes inéditas do NO-DO, proxectaranse un programa que baixo o título "A Galicia obreira" inclúe novas sobre percebeiros en Fisterra, a catástrofe do Urquiola, unha fábrica de plásticos en Vigo ou o desenvolvemento dunha campaña de alfabetización en Ourense. O programa "Galicia parador turístico" recolle, en 67 minutos, imaxes sobre as rías de Pontevedra, Lugo ou Ourense. Por último, o programa "Cidade compostelá" inclúe, entre outras, novas sobre a ofrenda ao Apóstolo de 1943, unha homenaxe a Fraga en 1965 ou o informativo titulado "Franco y los príncipes en Santiago", de 1969.

O ciclo do XX aniversario contempla tamén a proxección da película muda do ano 1924 "La casa de la Troya", filme restaurado polo CGAI e a Filmoteca Española no ano 2003, e que se acompañará en directo pola música do pianista Javier Pérez de Azpeitia. O ciclo especial completarase coa proxección dun título recente, "Decasia" (2002), do estadounidense Bill Morrison.

Melloras na sala de proxección e ciclos en Vigo, Santiago, Lugo e Ourense

Con motivo do seu XX aniversario, o CGAI prevé acometer obras de mellora na súa sala de proxeccións e poñer en marcha a exposición itinerante "Os Adeuses" que recorrerá distintas localidades de Galicia. Ademais, haberá ciclos e proxeccións especiais en Vigo, Santiago, Lugo e Ourense.

O CGAI reanudará a proxección de películas de cine mudo acompañadas de actuacións musicais e colaborará en efemérides significativas dos vindeiros meses como as que terán como protagonistas a Álvaro Cunqueiro e Ramón María del Valle-Inclán. O centro editará unha copia da nova versión de Galicia de Carlos Velo e Fernando G. Mantilla aparecida no Arquivo do Estado ruso de Cine Documental e Fotografía en Krasnogorsk, e publicará o libro que o historiador e docente Xosé Nogueira dedica á historia do cine en Galicia.

Por último, e dentro da programación deseñado polo CGAI para conmemorar o seu aniversario, procederase ao depósito do arquivo Eloy Lozano por parte da súa viúva, un patrimonio no que o centro xa está traballando coa restauración do seu título "Retorno a Tagen Ata" (1974).

O CGAI, en cifras

O Centro Galego de Artes da Imaxe inaugurouse o 15 de marzo de 1991 con catro obxectivos: a recuperación, catalogación, custodia e difusión das producións e obras do patrimonio audiovisual e fotográfico galego; a programación de proxeccións, exposicións, conferencias, e publicacións co fin de proporcionar un maior coñecemento das artes da imaxe; a colaboración en actuacións en Galicia e no exterior con estes obxectivos; e a participación na promoción da produción audiovisual galega en mercados, mostras e festivais.

Na actualidade, o CGAI posúe preto de 3.000 copias de soporte cinematográfico e 4.000 copias en soporte videográfico. Almacena 960.000 metros de película e negativos de cine galego e máis de 2.150.000 metros de títulos non relacionados con Galicia. Completan o importante arquivo do Centro Galego de Artes da Imaxe 10.000 carteis e un inxente fondo fotográfico, incluídos os fondos fotográficos e fílmicos do escritor arxentino Julio Cortázar.

O CGAI organiza nove proxeccións por semana, sempre en versión orixinal, e dispón dun servizo de préstamo gratuíto para as producións audiovisuais sobre as que a Xunta ten dereitos de difusión cultural e daquelas películas recuperadas e restauradas polo centro. Dispón dunha importante Mediateca, que leva o nome do que foi director da institución entre 1999 e 2006, José Luis Cabo, e que está composta por máis de 6.000 revistas, preto de 10.000 libros e 7.500 títulos en DVD.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2011-03-14

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES