
"Rosalía de Castro foi unha persoa dunha gran cultura que intentou vivir como escritora profesional a Literatura e é autora de novelas novidosas e revolucionarias tanto dende o punto de vista da intención coma da estrutura, que viaxou a Madrid con intención de triunfar no mundo artístico e que antepuxo a súa profesión á maternidade", segundo explicou o catedrático de Literatura Francisco Rodríguez na conferencia que impartiu na Casa de Galicia en Madrid, "Para comprender a Rosalía e á súa obra".
O acto realizouse en colaboración coa Asociación de Mulleres Galegas no Exterior Rosalía de Castro. O conferenciante foi presentado pola presidenta da Asociación, Elena Veiguela, que estivo acompañada polo coordinador de Actividades da Casa, Ramón Jiménez. Entre os numerosos asistentes había deputados galegos de distintas formacións políticas como Olaia Fernández Dávila, Francisco Jorquera, Celso Delgado, Ceferino Díaz, Francisco Javier Carro e Carmen Marón; a anterior presidenta da Asociación, Pepa Nieto, e Marisa Vázquez, voceira da Asemblea local do BNG en Madrid.
Segundo Rodríguez, foi en Madrid onde Rosalía de Castro "tomou conciencia de que Galicia estaba en situación marxinal e moi discriminada no Estado español que estaba en construción" e quixo contribuír á súa evolución sentando as bases dunha Literatura en lingua galega, desenvolvendo a súa obra nunha vertente en castelán, para vender e vivir dela, e noutra "vertente reivindicativa, para xente culta", en lingua galega.
O conferenciante referiuse tamén ás relacións sociais da escritora galega e ao seu matrimonio con Manuel Murguía, do que dixo que se baseou na complementariedade intelectual e social. O marido, explicou, apoiaba a súa creación literaria e procuráballe editoriais e xornais nos que escribir. Tamén houbo complementariedade sentimental e afectiva, polo menos durante os dez primeiros anos, mantivo.
Chamou a atención sobre o feito de que despois de casarse embarazada, en 1858, non tivo máis que ese fillo ata 1868 e cando declinou profesionalmente e o matrimonio empezaba a ter problemas, foi tivo fillos, ata sete en períodos de dous anos entre un e outro, co que o conferenciante concluíu que Rosalía antepuxo a súa vocación literaria á maternidade.
Alternativa turística
Por último, Rodríguez referiuse ás características da xeración rosaliana, as súas relacións, como vendían os seus libros, por subscrición e a súa relación coa cidade de Compostela. Este punto desenvolveuno coa proxección dun documental, "Compostela baixo a mirada de Rosalía", que presenta unha visión artística e cultural de Compostela que o conferenciante ofreceu como unha alternativa turística á da peregrinación.
Na presentación do conferenciante, Veiguela recordou que Francisco Rodríguez é licenciado e doutor en Filoloxía Románica e catedrático de Literatura en instituto e que foi discípulo e colaborador de Dámaso Alonso. Tamén que é militante do nacionalismo galego e que foi deputado no Parlamento de Galicia e no Congreso dos Deputados. Ademais, dixo que con este acto a Asociación celebraba o Día Internacional da Muller.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.