Notas de prensa

Teatro Oficina presenta a comedia negra Rua Gagarin

No Salón Teatro de Santiago de Compostela, e no marco dun acordo de intercambio co Centro Dramático Galego, a compañía portuguesa Teatro Oficina representa Rua Gagarin sobre un texto de Burke.

A compañía portuguesa Teatro Oficina viaxa a Santiago de Compostela para representar no Salón Teatro o seu espectáculo Rua Gagarin, obra do dramaturgo escocés Gregory Burke. A formación de Guimarães ofrecerá unha función o sábado 26, ás 20.30 horas, desta comedia negra chea de crueza e realismo, que serve de pretexto para abordar o problema da crise xeral, económica, ideolóxica e de valores, así como a desesperación dun día a día que non funciona.

A montaxe desenvolve unha especial posta en escena, xa que o público estará sentado en gradas sobre o escenario, encadrando un espazo escénico que recrea unha fábrica obsoleta situada nunha localidade recóndita de Escocia. Para lograr esta perspectiva máis próxima ao centro da acción, o aforo habitual do Salón Teatro reducirase a 120 espectadores.

A peza ten como fío condutor o secuestro dun directivo dunha empresa multinacional por parte de dous dos seus operarios. A medida que avanza a noite, o rapto vai transcorrendo terriblemente, como é habitual cando entra en xogo a desesperación. Ao tempo, os catro homes protagonistas da obra –o raptado, os dous secuestradores e o garda de seguridade da fábrica– van formulando solucións para tentar resolver a situación.

Baixo a dirección escénica de Marcos Barbosa, a máis recente produción da formación de Teatro Oficina é interpretada por André Teixeira, António Jorge, Emílio Gomes e Tiago Correia. Fernando Ribeiro encargouse da escenografía, Samuel Úria compuxo a música e João Rosas asina a tradución.

Éxitos desde 2001

Gregory Burke naceu en Dumferline (Escocia) en 1968. Sen coñecer ninguén no medio teatral, en 1998 enviou ao Traverse Theatre de Edimburgo a súa primeira obra, Gagarin Way, que baixo a dirección de John Tiffany, en 2001 converteuse nun dos maiores éxitos do Festival de Edimburgo. Seguiulle The Straits, tamén dirixida por John Tiffany e baseada na mocidade do autor en Xibraltar durante a guerra das Malvinas.

En 2006, obtivo un novo triunfo en Edimburgo con Black Watch, escrita para o National Theatre of Scotland, e dirixida unha vez máis por John Tiffany, que foi representada no Reino Unido, Os Ánxeles e Nova York. En 2006, Burke volve a Edimburgo con Black Watch, peza que, ao igual que Gagarin Way, foi adaptada para radio e representada na BBC. Outras pezas súas, traducidas ao francés, italiano, ruso, alemán e español, son Chain Play, Debt, Liar, On Tour, The Party, Occy Eyes, Unsecured e Shellshocked.

Colaboración con Portugal

O espectáculo preséntase no escenario compostelán no marco dun acordo de intercambio entre o Centro Dramático Galego e tres agrupacións portuguesas: ademais de Teatro Oficina de Guimarães, a Companhia de Teatro de Braga e Trigo Limpo de Tondela. En contrapartida, o espectáculo do CDG Salomé exhibiuse o pasado mes de xaneiro no Centro Cultural Vila Flor de Gimarães, no Teatro Acert de Tondela e no Theatro-Circo de Braga.

As entradas para asistir á representación de Rua Gagarin poranse á venda no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo da actuación. Tamén poden adquirirse por adiantado na billeteira electrónica a través do teléfono 902 43 44 43 ou da web www.caixagalicia.es. O prezo das localidades é de 10 euros, cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven e desempregados.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2011-02-24

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES