Notas de prensa

Actores e actrices participan no programa formativo do Centro Dramático Galego (CDG)

O director e actor galego Mario Tomás imparte un curso de formación para actores e actrices promovido polo CDG. A súa experiencia na escea francesa o leva a afondar nas claves da interpretación no teatro de Molière a través das personaxes creadas polo comediógrafo. O curso celébrase na sala Roberto Vidal Bolaño da USC.

Unha decena de actores e actrices asiste desde hoxe ao curso sobre Molière que, organizado polo Centro Dramático Galego (CDG), imparte en Santiago o director, intérprete e dramaturgo galego Mario Tomás. Esta actividade docente, que se desenvolve ata o 24 de febreiro na sala de teatro Roberto Vidal Bolaño da Universidade de Santiago, enmárcase dentro do novo programa de formación continua para profesionais da escena impulsado pola compañía pública, despois dunha primeira experiencia desenvolvida o pasado mes de setembro co encontro sobre o teatro de Shakespeare a cargo de Alfredo Padilla.

Durante as primeiras xornadas do curso, o alumnado realizará unha pequena aproximación á obra de Molière, centrándose especialmente no seu xeito de actuar. Así, o primeiro texto que se abordará será Jorge Dandin, no que o propio comediógrafo francés amosa as claves da súa interpretación.

Os participantes deberán escoller algunha das escenas que se facilitarán das pezas Escola de mulleres, Don Juan, Tartufo, O enfermo imaxinario, O misántropo ou Jorge Dandin. A continuación, unha parte das sesións estará dedicada á observación e toma de conciencia do instrumento de traballo mediante exercicios de sensibilización e tonificación, prestándolle un interese especial á respiración. A través do xogo barroco de Molière, indagarase na súa comicidade desde o xesto, a situación, as palabras e os carácteres dos personaxes. Ademais, tomando pequenas escenas que se afinarán día a día, faranse evidentes as influencias de Plauto e da commedia dell’arte italiana nos textos.

A medida que avancen as clases, abordaranse así mesmo a calidade de escoita, o ritmo diexético das escenas, a importancia dos obxectos, as relacións xerarquizadas dos personaxes, o paralelismo da obra coa nosa realidade. Estudarase como achegarse ao texto de xeito que non supoña un constrinximento para o actor/actriz a hora de considerar o xogo escénico. Finalmente realizarase unha pequena mostra aberta (work in progress), resumo dun obradoiro para o que se contou co asesoramento de Luís D’Ors, actual coordinador do centro de estudos do Teatro de la Abadía e director escénico da compañía Míjael Chéjov.

Director, actor e dramaturgo galego, posúe unha ampla formación e experiencia no eido do teatro francés. Durante a súa traxectoria profesional participou en máis de corenta montaxes, interpretando personaxes como Argan (en El enfermo imaginario, Cía. La Espada de Madera, 1995-1997) ou o propio Molière nunha montaxe sobre a vida do autor francés.

Entre 1992 e 1997 formou parte do elenco de a Troupe de l’Epée de Bois na Cartoucherie de París (amadriñada por Arianne Mnouchkine) e foi cofundador do grupo La Espada de Madera (Madrid, 1993), co que colabora ata 1998. En 2006 instálase en Galicia e funda a compañía Tirititempo, dirixindo e interpretando as montaxes A historia máis prodixiosa (2006), Os tres porquiños e algún outro (2007), Sete-sete, cabaleiro de Albacete (2008) e Osofete (2010).

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2011-02-14

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES