Notas de prensa

Recepción á Asociación Galega de Empresas Musicais con motivo do Ano da Música

O presidente da Xunta de Galicia, o conselleiro de Cultura e o director de Agadic participan na recepción oficial do Goberno galego á directiva da Asociación Galega de Empresas Musicais con motivo da celebración, en 2011, do Ano da Música co que se revalida o compromiso público co sector.

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, recibiu á directiva da Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), que aglutina ás principais firmas de contratación, produción e management de artistas, cos que profundou nas principais liñas de colaboración co sector, así como cara ao desenvolvemento dos distintos actos de promoción que terán lugar este ano no ámbito musical.

O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela Fariña, e o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Juan Carlos F. Fasero, participaron así mesmo nesta reunión, na que a AGEM agradeceu a Feijóo a declaración de 2011 como o Ano da Música de Galicia, a través da que a Xunta de Galicia revalida o seu compromiso cun sector que está a confirmar o seu liderado. Así se desprende, por exemplo, do estudo As cifras da industria cultural galega, presentado recentemente pola Agadic, segundo o que o sector musical vén consolidando a súa emerxencia nos últimos anos cun volume de negocio total próximo aos 100 millóns de euros e un destacado nivel de xeración de emprego, tanto directa como indirectamente.

Os representantes de AGEM agardan, pois, que a celebración deste evento supoña un impulso definitivo cara á consolidación e crecemento do sector da música en Galicia, obxectivo no que veñen traballando en estreita colaboración coa Consellería de Cultura e Turismo, a través da Agadic.

A celebración do Ano da Música de Galicia supón, ademais, o recoñecemento institucional do “carácter estratéxico e prioritario deste sector como vehículo para a promoción e divulgación da cultura, historia e da lingua de Galicia”, segundo se recolle na declaración aprobada a primeiros de xaneiro polo Consello da Xunta. Así, as institucións públicas galegas, os centros de ensino, as asociacións e as federacións culturais dependentes da Xunta de Galicia contribuirán con parte da súa actividade a este evento, incidindo tanto no grande arraigo que, de xeito histórico, ten a música en Galicia como no feito de que os nosos músicos sexan auténticos embaixadores da nosa cultura fóra das nosas fronteiras.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2011-02-09

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES