
O director xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos participou na Casa Museo de Valle-Inclán en Vilanova de Arousa na presentación do proxecto de documental Romance de lobos en terras de Arousa. O documental, que conmemora o 75 aniversario do pasamento do escritor arousán, conta coa colaboración da Consellería de Cultura e Turismo, a través do convenio asinado coa Fundación Valle-Inclán.
O acto de presentación contou coa participación do Vicepresidente da Deputación e da Fundación Valle-Inclán José Juan Duran, o produtor do documental Romance de lobos en terras de Arousa, Xoán Xosé Mariño e o escritor e familiar de Valle-Inclán, Javier del Valle-Inclán Alsina. O director xeral do Libro asegurou na súa intervención que contar con autores da envergadura de Valle, constitúe unha vía de acceso potentísima para ocupar o noso espazo como sociedade.
Respecto á temática do proxecto fílmico lembrou que os nosos pazos, o noso mar, a terra que pisamos como pobo e á que acoden as peregrinacións de Europa está presente en Romance de lobos, nas Comedias bárbaras, en todo o ciclo carlista e en canto texto saíu da man dos grandes escritores e escritoras paisanos nosos. Francisco López enxalzou a obra de Valle-Inclán destacando a expresión, a comunicación e a enerxía da palabra, onde se decanta o noso ollar e a nosa esencia colectiva.
Segundo o director xeral do Libro, os tempos traen incerteza en todas as ordes (recursos económicos en transformación, sistemas de comunicación, novos soportes, canles de comercialización que abandonaron o terreo,...) pero tamén a confianza en que a expresión de Galicia segue adiante coa inercia de milenios. Temos un soporte perfecto para atravesar as turbulencias e saír reforzados, e nesa confianza, temos que seguir traballando, engadiu.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.