
O presidente autonómico, Alberto Núñez Feijóo, transmitiu o apoio do Goberno galego á Axencia Europea de Pesca e garantiu o compromiso da Xunta na loita contra o furtivismo. Durante unha visita á axencia, Feijóo comprometeu o traballo do Executivo galego para converter o furtivismo reincidente nun delito; e para protexer a todos os mariñeiros que cumpren coa veda, cumpren coas capturas e cumpren cos tamaños fronte aos que non o fan.
Deste xeito, Feijóo garantiu que o traballo da Xunta se está a facer en consonancia cos obxectivos da Axencia e co obxecto de garantir a viabilidade e sostenibilidade ambiental, social e económica da pesca. Neste senso, insistiu en que é perfectamente compatible xestionar os recursos pesqueiros de xeito responsable e garantir o desenvolvemento do sector e manter os postos de traballo.
Así mesmo, referiuse aos medios contra o furtivismo, entre os que destacou: a recuperación das patrullas conxuntas entre gardacostas e Policía autonómica e as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado; as incautacións de aparellos ilegais do mar, que no primeiro ano do plan se incrementaron un 80%; e a focalización das actuacións sobre zonas especialmente afectadas e sobre especies de valor, de xeito que, no caso da ría do Burgo subiron as incautacións de bens nun 1.000% e os comisos de mariscos en máis dun 600%.
O responsable do Goberno galego cualificou de gran acerto que se escollese Vigo como sede para unha tarefa tan importante como a inspección pesqueira e aseverou que é tamén un orgullo para Galicia que se desenvolva esa tarefa aquí e que, aquí, se concibisen logros moi importantes para o sector pesqueiro como: minorar un problema que se percibía no sector pesqueiro da UE, que sempre uns países eran máis cumpridores que outros e había Estados que tiñan máis flexibilidade na aplicación das normas; ou impulsar un regulamento para previr, desalentar e eliminar a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada, e que entrou en vigor en xaneiro de 2010.
Feijóo resaltou a Axencia Europea de Pesca como un exemplo máis de que Galicia está integrada na Unión Europa e de que a comunidade participa nos asuntos comunitarios, en especial, naqueles nos que ten máis experiencia como é o sector pesqueiro.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.