
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Asociación pola Eco- responsabilidade nas Tecnoloxías da Información e Comunicación (Aecotic) veñen de asinar un acordo de colaboración para o impulso de actividades e iniciativas relacionadas coas green IT, é dicir, a informática verde.
Ao abeiro deste convenio, as dúas entidades acordan colaborar no impulso das green IT con iniciativas e actividades baseadas no concepto amplo da informática verde. Deste xeito, o CPEIG intégrase como socio institucional de Aecotic. A duración do convenio será de dous anos renovables por acordo entre as partes.
MITIGAR O CAMBIO CLIMÁTICO
Ao abeiro do acordo asinado entre Manuel Carlos Delfino Reznicek, presidente de Aecotic, e Fernando Suárez Lorenzo, presidente do CPEIG, búscase impulsar iniciativas, individuais e colectivas, que contribúan a mitigar o cambio climático unindo un uso eficiente das tecnoloxías da información e comunicación; sensibilizar a sociedade, empresas e Administración pública na redución das emisións de CO2; potenciar novas tecnoloxías TIC enerxeticamente sustentables; impulsar a sustentabilidade en áreas intensivas en utilización das TIC; impulsar un centro de referencia internacional sobre políticas, acción e tecnoloxías green IT e propiciar a adopción de medidas de reciclaxe e reutilización.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.