
A directora xeral de Innovación e Industrias Agrarias e Forestais da Consellería do Medio Rural, Alejandra Álvarez de Mon, cualificou os resultados da colleita da vendima do pasado ano como excepcionais, acadando entre as 5 Denominacións de Orixe (Monterrei, Rías Baixas, Ribeira Sacra, Ribeiro e Valdeorras) un total de 57,6 millóns de quilos de uva, cun crecemento do 21,6% respecto ao ano anterior e do 33,5% respecto da media do período 2007/2009.
A directora xeral fixo fincapé en que estas cifras reflicten perfectamente a importancia do sector e da vendima na actividade económica das comarcas rurais con 17.649 viticultores inscritos nas cinco D.O galegas e con 465 adegas xeradoras de emprego.
Álvarez de Mon mostrou estes datos na comparecencia da Comisión 7ª de Agricultura, Gandería e Montes, na que salientou que este ano o tempo para a vendima foi moi favorable, o que permite que os traballos se fixeran cun ritmo axeitado e que a uva entre nas adegas cunha calidade sanitaria excelente.
Na mesma liña, a directora xeral salientou que o viño é o primeiro produto en importancia do sector agrícola galego, contribuíndo con máis do 10% ao conxunto da produción final agraria de Galicia, e isto cunha superficie inscrita entre as cinco denominacións de orixe, que non chega as dez mil hectáreas.
Colleita por Denominacións
Na D.O. Rías Baixas, a maior das nosas denominacións, tivo este ano a colleita máis abondosa da historia, con 31.686.516 quilos. O que supón un crecemento do 34,1% respecto do ano anterior e do 52,7% respecto a media dos tres anos anteriores. A maioría correspóndese coa variedade albariño. Nesta campaña son 6.586 os viticultores inscritos que entregaron a súa colleita as 187 adegas da Denominación.
A D.O. Ribeiro recolleu 13.621.627 quilos de uva, cun crecemento do 27% respecto do ano pasado e un 21,9% sobre a media dos anos 2007-2009, aínda así foi moi inferior á acadada no período 2003 e 2006, anos por riba dos 17 millóns de quilos.
No caso da Denominación Ribeira Sacra recolléronse 5,6 millóns de quilos, o que supón tamén a maior colleita, un 6,4% superior á do pasado ano e un 22% superior á media dos tres últimos anos.
En Valdeorras na colleita do 2010 recolléronse 4.288.213 quilos, a menor dos últimos dez anos, cunha baixada de case o 25% respecto do ano anterior e do 15,5% respecto da media dos tres últimos anos. A D.O Monterrei, a máis pequena das nosas denominacións (cunha superficie de 400 hectáreas), recolleu nesta campaña 2,4 millóns de quilos, tamén a maior da súa historia cun aumento do 17,7% respecto ao ano anterior e de mais do 54% respecto da media dos tres últimos anos.
Reforma OCM do viño
Álvarez de Mon tamén amosou a preocupación do sector ante a posibilidade, introducida na última reforma da OCM do viño, de que poidan aparecer no mercado viños sen denominación de orixe nin indicación xeográfica protexida coa mención a algunha das nosas variedades. Inducindo así ao consumidor a confusión e poñendo en risco o nome e a reputación gañada polo traballo dos nosos viticultores.
Neste senso, a directora xeral recordou que a Consellería publicou no Diario Oficial de Galicia (con data do 27 de xullo de 2010) unha orde na que insta á exclusión das viníferas autóctonas galegas dos etiquetados dos viños sen denominación de orixe nin indicación xeográfica protexida, ou polo menos da variedade de uva para vinificación albariño, a día de hoxe isto segue pendente a nivel nacional.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.