
A lingua galega quere contribuír á promoción da diversidade lingüística e cultural coa súa presenza na Expolingua de París 2011. A Secretaría Xeral de Política Lingüística participa nesta feira internacional na que se dan cita un total de 50 idiomas e 200 expositores de múltiples países do mundo. Trátase da vixésimo novena edición do evento, que este ano ten como convidada de honra a lingua árabe.
A secretaría xeral busca aproveitar esta cita co fin de impulsar a proxección exterior e o recoñecemento internacional da lingua e da cultura galegas, así como de favorecer o intercambio de ideas con institucións lingüísticas de todo o mundo. Para iso, conta cun expositor no que os visitantes dispoñen de múltiple información sobre a lingua galega, desde as posibilidades de aprendizaxe do idioma en diferentes países de Europa e de América, ata os materiais e recursos lingüísticos accesibles desde a rede, as últimas publicacións de investigación sobre o idioma realizadas polo Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades ou información detallada sobre a historia e a situación actual do idioma.
Aulas de iniciación para coñecer máis de preto a lingua galega
Para achegarlles o galego aos visitantes á Expolingua dun xeito máis próximo, a Secretaría Xeral de Política Lingüística tamén imparte aulas de iniciación á lingua galega para todas aquelas persoas interesadas en coñecer máis de preto o idioma.
Promover a diversidade lingüística
As expolinguas son espazos de encontro de diversas institucións lingüísticas de todo o mundo e entidades de formación en idiomas que buscan favorecer o intercambio e a promoción da diversidade de linguas.
Nestas feiras internacionais participan cada ano miles de persoas estudantes, profesores, tradutores, intérpretes e tamén cidadanía en xeral, para as que se desenvolve un amplo programa con presentacións, talleres, conferencias e outras actividades acerca das posibilidades de estudar idiomas no estranxeiro, as oportunidades laborais neste ámbito, a oferta de exames de idiomas e os programas internacionais de educación, entre outros.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.