Notas de prensa

Xacobeo 2010 presenta en Santiago de Compostela o libro Contos no Camiño

Este proxecto foi seleccionado en 2009 polo Programa Cultura 2007-2013 da Unión Europea. Foi o único galego dos tres elixidos en España e contou coa participación de 25.000 nenos europeos durante o seu desenvolvemento en 2010.

O Museo do Pobo Galego acolleu a presentación do libro Os contos do camiño, enmarcado no proxecto homónimo que formou parte do Camiño Infantil da programación deseñada para Xacobeo 2010. Neste acto, o xefe da área de Publicacións da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Francisco Singul, estivo acompañado pola coordinadora do proxecto Os Contos do Camiño, Eva Mejuto; e polo secretario do Museo do Pobo Galego, Francisco J. Sanjiao Otero.

No marco do proxecto Os contos do camiño, ilustradores de recoñecido prestixio de Francia, Portugal e España viaxaron ao longo do pasado ano a Burdeos, Madrid, Évora, Óbidos, Pombal, Beja e Santiago de Compostela con contos da tradición oral dos seus respectivos países para que os escolares destas cidades lles deran vida facendo uso de pinceis, tinta, lapis, tea e papel. O resultado é o libro Os contos do camiño, presentado hoxe en Santiago.

A iniciativa, coordinada pola editorial galega OQO, en colaboración -en calidade de socios- da francesa La Compagnie Créative, a portuguesa O Bichinho de Conto e o Museo Thyseen-Bornemisza, foi a única representante galega en 2009 no Programa Cultura 2007-2013 da Unión Europea, que só seleccionou en España outras dúas iniciativas. Asemade, acadou a maior puntuación, ao sumar 32 puntos dos 35 máximos posibles.

O libro presentado hoxe en Santiago é a compilación das ilustracións realizadas na actividade Ilustrar un conto con... na que un famoso ilustrador internacional escolleu un conto tradicional do seu lugar de orixe para contárllelo aos rapaces e máis tarde todos traballaron na ilustración dunha secuencia da obra por día. Deste xeito, tentouse acadar o intercambio e o movemento transnacional da creación artística.

Así, a Burdeos (Francia) foi a ilustradora portuguesa Teresa Lima co conto O macaco do rabo cortado; a Évora, a galega Itziar Ezquieta con A flor de Lirolai; a Óbidos, Beja e Pombal, o andaluz Chené Gómez con Juanillo el de la burra; e ao Museo Thyssen-Bornemisza, a francesa Véronique Vernette coa historia Les dons des trois animaux.

En Santiago de Compostela, por ser a cidade onde remataron as actividades de Os Contos do Camiño, foron catro os ilustradores que impartiron os obradoiros.. Así, na primeira semana de maio o CGAC acolleu en Ilustrar un conto con... á francesa, de orixe polaco, Joanna Concejo. As nenas e nenos ilustraron unha historia da tradición oral francesa Père Long-Nez.

A continuación, os escolares ilustraron o conto Per què l’aigua del mar es salada no obradoiro que impartiu o catalán Roger Olmos. A seguinte semana, os escolares déronlle vida ao relato popular galego O segredo do Mouro, no obradoiro impartido pola ilustradora Paula Aneiros. Concluíu a actividade de Ilustrar un conto con... a portuguesa Malfalda Milhões coa historia Os baptizados da raposa.

Unha selección destas ilustracións e as obras artísticas creadas polos cativos dos tres países nos outros dos obradoiros do proxecto (Un camiño de contos e A arte no camiño) foron expostas durante o mes de setembro no Museo do Pobo Galego, e actualmente pódense visitar virtualmente na galería da web do proxecto

Proxecto europeo

Os Contos do Camiño estivo dirixido a escolares de educación infantil e primaria nos que se pretendeu espertar e alimentar a curiosidade por viaxar, coñecer persoas doutras culturas e achegarse aos contos e á tradición oral do patrimonio cultural e artístico europeo. Por este motivo, as actividades incidiron na ruta xacobea como o principal e primeiro itinerario cultural que atravesa Europa e que congrega persoas de distintas culturas, razas e países.

Con este afán de respecto á diferenza, ademais de cos centros de ensino, en cada unha das cidades contactouse con colectivos de inmigrantes e con asociacións que se ocupan de pequenos en situación de desprotección. Asemade cada centro de ensino participante recibiu, previamente á celebración das actividades, unha maleta de madeira cos álbums que serviron de base ás actividades e guías didácticas de apoio, así como información sobre o Camiño de Santiago e as súas distintas rutas. Deste modo, os docentes puideron incorporar no currículo do ano esta experiencia pluridisciplinar, coa posibilidade de ser continuada en cursos posteriores, xa que o material das maletas pasa a formar parte das bibliotecas escolares.

A ferramenta web creada para o proxecto (www.oscontosdocamino.eu) permitiu a interacción dos centros dos tres países, favorecendo o intercambio de experiencias a través dun foro e un videochat. O desenvolvemento da iniciativa tivo unha excelente acollida entre o público infantil e docente -máis de 25.000 escolares participantes-. Ademais, numerosos centros de ensino de distintas partes de España, Portugal e Francia reiteraron o seu interese de participar en Os contos do camiño nos anos vindeiros.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2011-02-02

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES