Notas de prensa

Preséntase o proxecto Libro de Pedra: un paseo virtual pola Catedral

O conselleiro de Cultura asegura que a iniciativa Libro de Pedra sobre a Catedral de Compostela “reúne pasado e futuro nun mesmo espazo virtual coas máis modernas ferramentas, unindo as novas tecnoloxías e os símbolos máximos da riqueza patrimonial do noso país”.

O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, presentou o paquete de aplicacións e contidos para a musealización virtual da Catedral de Santiago e dos lugares e monumentos que configuran o espazo xacobeo, iniciativa promovida pola Consellería de Cultura e Turismo, a través da Secretaría Xeral para o Turismo, e desenvolvida polos equipos de Ilux Visual Technologies e o Grupo de Visualización Avanzada VideaLAB da Universidade da Coruña a través da Fundación da Enxeñería Civil de Galicia. O acto contou ademais coa participación da secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo, e o deán da Catedral de Santiago, José María Díaz.

O proxecto Libro de Pedra consiste nun paseo virtual pola Catedral e a cidade de Santiago e se enmarca no proxecto europeo Loci Iacobi. Lugares de Santiago. Lieux de Saint Jacques de revitalización do Camiño en Galicia, Francia e Portugal. O conselleiro de Cultura e Turismo cualificou este proxecto como “unha iniciativa que xunta pasado e futuro nun mesmo espazo virtual coas máis modernas ferramentas, unindo a aposta polas novas tecnoloxías e os símbolos máximos da riqueza patrimonial do noso país”.

Segundo Roberto Varela, Libro de Pedra achéganos a posibilidade “de contemplar a Catedral de Santiago e a cidade vella de Compostela dunha forma ben distinta e con maior precisión que nunca, porque pódese ler ata o máis mínimo detalle as pedras que conforman Santiago”. O conselleiro subliñou a importancia deste feito “no ano no que celebramos o Octavo Centenario da consagración da Catedral que, sen dúbida, volverá a ser centro universal das miradas neste 2011”.

Respecto ao proxecto europeo Loci Iacobi, o conselleiro de Cultura e Turismo asegurou que responde á “experiencia común da construción histórica do Camiño de Santiago” e destacou a importancia “dos veciños Francia e Portugal como pobos máis unidos por historia, xeografía e tradición aos Camiños que conducen a Compostela”. Roberto Varela destacou que a través da iniciativa Loci Iacobi “renóvanse estes vínculos xacobeos mediante a investigación, a promoción e a dinamización turística do Camiño de Santiago”.

O responsable de Cultura destacou a importancia destes proxectos europeos xa que “para fornecer a madurez dun fenómeno como o Xacobeo faise necesario crear sinerxías e fomentar o intercambio de coñecementos e vivencias entre territorios”. Varela situou o obxectivo deste traballo en común no pulo do Xacobeo “como elemento de cohesión europea e eixe vertebrador cultural e turístico”.

Máis de 60.000 fotografías

A aplicación Libro de Pedra é unha ferramenta web que utiliza as novas tecnoloxías para amosar cun nivel de detalle sen precedentes a capital de Galicia e o seu monumento máis emblemático. A aplicación permite ademais coñecer en profundidade a historia da Catedral, consagrada polo rei Alfonso IX o 21 de abril de 1211. En Libro de Pedra a innovación tecnolóxica ponse ao servizo da cultura e o patrimonio histórico nun proxecto para o que se realizaron máis de 60.000 fotografías de alta resolución. Pódese acceder dende calquera parte de mundo a esta aplicación a través do seguinte enderezo web: http://www.turgalicia.es/librodepedra

O interior da Catedral pode visualizarse dende calquera punto de vista a través de imaxes totalmente inmersivas. A través desta aplicación, o usuario pode desprazarse dende calquera parte do mundo ao interior da basílica. O Museo catedralicio tamén se pode visualizar a través de imaxes esféricas que permitirán ao usuario internarse en todas as súas estancias. As imaxes panorámicas que se ofrecen de Santiago cobren a totalidade da cidade dende diferentes puntos de vista. A riqueza das prazas e rúas do casco histórico tamén pode admirarse con especial relevancia a través de imaxes en 360 graos.

Mundo Peregrino Interactivo Multitáctil

Trátase dun modelo virtual tridimensional dedicado a Santiago como centro de peregrinación, acercando ao usuario á experiencia de coñecer e percorrer os diferentes Camiños, só ou en compañía doutros usuarios, que comparten o mesmo espazo virtual como avatares. Esta ferramenta consta dunha área de benvida e aprendizaxe para novos usuarios, sete áreas expositivas específicas referente aos diferentes camiños e unha área central dedicada á Catedral. Para poder acceder, o usuario debe rexistrarse na súa páxina web, onde descargar a aplicación cliente coa que se conectará ao servidor de mundo virtual e seleccionar o seu nome e modelo de avatar. Esta aplicación está dispoñible na seguinte ligazón: http://www.turgalicia.es/mundoperegrino

Visualización 3D interactiva da Catedral

O proxecto inclúe unha instalación museística baseada nun sistema multitáctil onde o usuario interactúa, a través das súas mans sobre a pantalla, cunha maqueta virtual tridimensional da Catedral accedendo ao mesmo tempo a información específica de cada elemento relevante do conxunto. Nunha primeira achega o usuario accede á contorna e o casco antigo da cidade en tres dimensións, situándoa xeograficamente como centro onde converxen diferentes camiños de peregrinación.

A través da interfaz o visitante pode interactuar coas súas mans cun modelo virtual da Catedral de Santiago, podendo explorar e analizar mediante diferentes procedementos como achegamentos, encadres, xiros e seccións por calquera plano en tempo real.

Cooperación europea

Esta iniciativa insírese dentro do proxecto europeo Loci Iacobi. Lugares de Santiago, Lieux de Saint Jacques, do que a Secretaría Xeral para o Turismo é xefe de fila. O seu obxectivo é o de investigación, promoción e dinamización turística e cultural vinculada ao Camiño de Santiago nos territorios socios (España, Francia e Portugal) como itinerario cultural de alto valor histórico.

Outro dos obxectivos deste proxecto para os tres socios integrantes – Secretaría Xeral para o Turismo, Baixo Alentejo de Portugal e Auvergne en Francia - responde tamén á necesidade de apoiar a diversificación da economía aproveitando os recursos culturais e naturais para ofertar un produto turístico singular: o Camiño de Santiago en Portugal e Francia como nexo de unión entre os pobos. O proxecto conta co apoio da Unión Europea a través do Programa Operativo de Cooperación Transnacional no Espazo Sudoe 2007-2013.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2011-02-01

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-ordenador.jpg) Cerca do 90% das empresas galegas con máis de 10 persoas empregadas utiliza aplicacións de software libre e a porcentaxe é de máis do 67% no caso das microempresas. Os datos forman parte do estudo O Software Libre nas Empresas de Galicia elaborado polo Observatorio da Sociedade da Información en Galicia (Osimga), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia. Os datos proceden da Enquisa sobre o uso de TIC e comercio electrónico nas empresas, que realiza o INE anualmente, que cede os datos a OSIMGA en virtude do convenio de colaboración. Entre os programas máis utilizados destacan os navegadores de Internet (95,5%), as aplicacións ofimáticas (75,3%) e os sistemas operativos libres (51,5%).
Foto de la tercera plana (vacina-gripe.jpg) A Consellería de Sanidade publica, na súa páxina web, o informe de actividade das infeccións respiratorias agudas correspondente á semana do 15 ao 21 de decembro, que sinala que a actividade gripal en Galicia continúa con intensidade media e con tendencia decrecente. Segundo os datos recollidos polo servizo de vixilancia epidemiolóxica da Dirección Xeral de Saúde Pública, xa se acadou o pico da onda epidémica da gripe. Respecto da semana anterior, rexístrase un descenso na taxa de consultas por gripe en atención primaria dun 5 %.

Notas

O desenvolvemento de talento especializado nas distintas áreas do sector tecnolóxico (IA, Big Data, Ciencia de Datos...) é un dos grandes desafíos do sector tecnolóxico, facendo da colaboración entre universidade e empresa unha ferramenta clave. Neste contexto nace o Observatorio DXC, unha iniciativa posta en marcha en 2017 entre a USC e a compañía DXC Technology para achegar formación e investigación ás necesidades reais dos profesionais.
O LHCb, un dos detectores do gran colisor de hadróns (LHC) do CERN en Suíza, produce colisións de protóns a altísimas enerxías. Estas colisións xeran partículas inestables que conteñen quarks pesados, cuxa desintegración permite estudar fenómenos de física fundamental que axudan a explicar por que o universo está formado principalmente por materia e case non contén antimateria.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES