
Respecto disto último, saíu reelixido Manuel Docampo, viticultor de Valdeorras que desempeñou esta responsabilidade durante os últimos catro anos. Xunto a el, a Dirección Nacional do Viño do SLG escolleu como vicerresponsábel a unha viticultora do Salnés: Elisa Buceta Domínguez.
Se houbese que resumir nunha soa frase as directrices programáticas aprobadas pola afiliación do SLG para o sector do viño, esta sería a aposta firme por unha vitivinicultura social, ligada ás persoas, á terra, ás nosas variedades autóctonas e a unha cultura milenaria como sustentadoras do sector.
No Congreso fíxose fincapé, precisamente, en defender esa viticultura social ligada ás persoas, xa que este é o único modelo que traballa no sentido da boa calidade diferenciada, onde os viticultores e viticultoras son peza fundamental para proporcionar uvas de calidade, imprescindibles para conseguir un bo viño. Este modelo social fixa poboación activa no rural, que actúa como mantedora do medio. Esta vitivinicultura de calidade contraponse a outra practicada por grandes empresas de corte industrial cunha estratexia depredadora, que tenta rematar cos pequenos e medianos produtores e produtoras.
Unha das principais reivindicacións do Sindicato Labrego para defender este modelo de viticultura é a necesidade de que se manteñan uns prezos mínimos para a uva que cubran todos os custes de produción, un salario digno, e dea estabilidade no tempo ás explotacións.
Neste senso, os textos aprobados no Congreso do Viño do SLG defenden a existencia de contratos homologados, pois obrigan e dan estabilidade, por varios anos, á parte produtora e ás adegas que os asinan e serven como referencia de prezo ao resto do sector.
Nembargante, a realidade é que este tipo de contratos, impulsados pola anterior Consellaría de Medio Rural, non son aínda a tónica dominante no sector: En Rías Baixas e no Ribeiro comercialízanse con contrato o 50 % das uvas amparadas, cantidade que baixa ao 20% en Valdeorras. Na Ribeira Sacra, este ano non houbo contratos, do mesmo xeito que en Monterrei, onde nunca chegou a habelos.
Outra das apostas do sector do viño do SLG ten que ver coa calidade. Precisamente, apostouse por un modelo de viticultura de calidade dentro das denominacións de orixe e das tres indicacións xeográficas protexidas, pero tamén na viticultura non amparada por estas figuras.
Non á incineradora no Ribeiro
Non faltou a crítica política neste congreso. Foron numerosas as voces que se queixaron da excesiva burocracia e esixencias sanitarias que, de cotío, supoñen un grande atranco para as pequenas e medianas explotacións. A isto habería que engadir as queixas polas numerosas infraestruturas e obras prometidas para o sector, sobre todo en períodos electorais, que nunca se levan a cabo; e o reparto inxusto das axudas públicas que, habitualmente, acaban no meirande en mans de grandes proxectos adegueiros de tipo industrial, deixando sen cartos ao resto do sector que é o que máis necesita as subvencións.
No eido local, a afiliación do SLG acordou oporse á construción dunha incineradora de lixo no Ribeiro polo enorme impacto contaminante que pode ter sobre unha denominación de orixe que, nos últimos anos, estaba a recuperar o prestixio perdido.
Clausurou o congreso a secretaria xeral do SLG, Carme Freire, que animou aos e ás asistentes a manter o espírito participativo e de debate demostrado ao longo das asembleas que precederon a este congreso como elemento diferenciador desta organización sindical.
A Xunta iniciou hoxe nas residencias de maiores a campaña de vacinación fronte á gripe, que incorpora a vacina reforzada desde os 65 anos e busca chegar a 926.000 persoas de máis de 60 anos. En Galicia hai 926.000 persoas de 60 ou máis anos como poboación diana para a vacinación fronte á gripe, e ao redor de 549.000 maiores de 70 anos, que é a poboación diana para a que está indicada a inmunización fronte á covid. A campaña prolongarase ata o 31 de decembro, desenvolvéndose de xeito progresivo nos distintos colectivos e grupos de idade. Así, logo do arranque de hoxe nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o vindeiro día 13 de outubro incorporarase a vacinación infantil nos centros de saúde e nos 75 colexios.
O informe de balance do programa de axudas para a Atracción de Empresas a Galicia, unha liña xestionada pola Consellería de Economía e Industria a través do Igape que se consolida como un piar estable dentro da estratexia económica do Goberno galego, reflicte que entre os anos 2024 e 2026, este programa permitiu a concesión de 74,08 millóns de euros en subvencións públicas, unha contía que impulsou a posta en marcha de 96 proxectos empresariais e que xerará un impacto económico total de 256,75 millóns de euros en mobilización de investimento privado.