Este proxecto ten como obxectivo achegar formación sobre a UE a máis de 40 docentes de Formación Profesional, co propósito de que poidan posteriormente afondar nas súas aulas nos principios e dereitos sociais europeos.
O seminario, que conta co apoio das facultades de Dereito e Ciencias Xurídicas e do Traballo, pode seguirse de xeito presencial ou virtual. Con el búscase analizar, desde unha perspectiva xurídica e académica e de xeito multidisciplinar, os retos e oportunidades do emprego sostible no marco do piar europeo de dereitos sociais (que é unha iniciativa da UE, proclamada en 2017, que establece 20 principios fundamentais para garantir unha Europa máis xusta, inclusiva e con igualdade de oportunidade), promovendo o intercambio de coñecementos entre especialistas estatais e internacionais. A cita ten un comité organizador formado polas profesoras da Área de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da UVigo Emma Rodríguez (investigadora principal do proxecto); Marta Fernández (coordinadora do seminario); Irene Dozo e Rosa Rodríguez-Martín e un comité científico formado por máis dunha vintena de especialistas tanto estatais como internacionais, non só da UE senón tamén doutros continentes, como América.
O programa articúlase principalmente en catro mesas redondas e espazos de debate, coa idea de fomentar o intercambio de ideas e experiencias entre as persoas participantes. Cada unha destas mesas corresponde a unha temática: os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) como garantes dos dereitos sociais fundamentais; a economía social como xeradora de emprego sostible (igualdade de xénero e empregos verdes); os dereitos sociais ante os procesos de reestruturación e o desprazamento de persoas no marco da libre circulación; e o funcionamento orgánico das sociedades cooperativas e o seu impacto no consumo local. En cada unha destas mesas participan especialistas de diferentes universidades tanto estatais como foráneas. A programación, que busca fomentar o debate científico, a difusión de investigacións e a formación, tamén inclúe un taller interactivo con estudantes que participan no proxecto e a presentación de comunicacións.
Relevancia e pertinencia
A actividade do seminario arrancou este xoves cunha inauguración na que participaron Emma Rodríguez, coordinadora do proxecto RightsEU; Susana Álvarez, decana de la Facultade de Dereito do campus de Ourense; Pedro Blanco, delegado do Goberno en Galicia; Cristina Fabeiro, secretaria do Consello Galego de Relacións Laborais (Xunta de Galicia); e Diego Fernández, técnico da Oficina de Proxectos Internacionais da UVigo. Nas súas intervencións coincidiron en destacar a relevancia da temática abordada no seminario e no proxecto no que se enmarca, e a importancia da formación neste eido. Neste senso, Pedro Blanco salientou que en provincias como a de Ourense, onde o reto demográfico é unha realidade cotiá, a economía social pode e está sendo absolutamente decisiva e indicou que o coñecemento rigoroso, a investigación aplicada e análise crítica, froito de foros como este seminario, é fundamento para deseñar políticas públicas eficaces e para anticiparnos aos retos que temos que enfrontarnos.
Emma Rodríguez apuntou que o proxecto RightsEU, de tres anos de duración, está no seu ecuador, e está a supor todo un reto. Ao seu abeiro, indicou, o seminario celebrado agora aspira a reforzar o estudo e a difusión do piar europeo de dereitos sociais e todo o vinculado a el. Na abordaxe deste piar, a profesora sinalou que no seminario se porá o aceno nos desafíos en emprego sostible, a igualdade, a non discriminación e a protección efectiva dos dereitos sociais "nun contexto de profundas transformacións económicas e laborais". Pola súa banda, Susana Álvarez tamén apuntou a pertinencia da celebración na Facultade de Dereito de Ourense deste seminario e da participación de profesorado seu en RightsEU, lembrando como unha das mencións que ten o grao que se imparte neste centro é Dereito da UE e Desenvolvemento Sostible.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.