
A intervención supón a primeira escavación sistemática realizada na cavidade, onde ata agora só se efectuaran visitas e recollidas de material en superficie. A sondaxe aberta na cámara principal permitiu recuperar máis de 100 restos arqueolóxicos en contexto estratigráfico, principalmente ósos humanos, xunto con restos de fauna, fragmentos cerámicos e obxectos singulares como unha aixola de anfibolita e unha doa de óso. Entre os materiais, destacan fragmentos dunha xerra carenada, típica dos contextos funerarios da Idade do Bronce no noroeste peninsular.
Un enterramento colectivo ben conservado
Os datos obtidos indican que a cova foi utilizada como lugar de enterramento colectivo durante a Idade do Bronce. A presenza de restos de pequeno tamaño, como falanxes ou ósos delicados, apunta a un enterramento primario ben preservado, apuntan Lombao e Rabuñal. O conxunto óseo recuperado corresponde a un mínimo de 10 individuos de diferentes idades (incluíndo adultos, nenos e un individuo perinatal), o que permite ampliar de forma significativa o coñecemento sobre esta poboación.
Ademais, as análises preliminares amosan condicións de vida marcadas polo esforzo físico, con patoloxías como artrose, desgaste dentario ou fracturas, así como evidencias puntuais de actividade de carnívoros.
Todos estes resultados evidencian o alto interese arqueolóxico da cavidade e a necesidade de continuar as investigacións, advirten os investigadores, que tiveron que rematar a campaña de forma anticipada debido aos incendios forestais que afectaron a comarca de Valdeorras durante o mes de agosto.
Un proxecto a escala territorial
A intervención forma parte dun proxecto máis amplo centrado no estudo da Prehistoria no Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra, un enclave singular polo seu sistema kárstico e pola súa posición como corredor natural entre a Meseta e o interior de Galicia.
Nos próximos anos, prevese dar continuidade ás escavacións na Cova do Santo e ampliar os traballos a outras cavidades do parque, como a Pala da Zorra, identificada como unha das zonas prioritarias para futuras intervencións.
Tamén está prevista a realización de modelos 3D das cavidades para facilitar tanto a investigación como a difusión e conservación do patrimonio.
Colaboración e financiamento
A campaña contou co apoio do Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noroeste Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEPN-AAT) da USC, o CISPAC, as comunidades de montes de Pardollán e Vilardesilva, o Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático (Servizo de Patrimonio Natural de Ourense) e a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia.
O proxecto está financiado polo CISPAC a través do programa Xan de Forcados, pola Xunta de Galicia e polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.
O certame consolídase como un espazo de exhibición para o sector profesional galego e de achegamento da cidadanía ás novas linguaxes escénicas. Teatro de Ningures abrirá a programación o xoves 15 no Teatro Principal coa estrea absoluta de Thelma e Lola. Tamén presentará por primeira vez a súa nova proposta Arun Run, que levará Inorganic ás rúas de Ourense os días 17, 18, 23, 24 e 25. Pola súa banda, a iniciativa 67 Graos Ourense Fervescénica dará a coñecer novas creacións o mércores 21 na Sala Emilia Pardo Bazán do Campus de Ourense. No apartado internacional, a compañía arxentina El Rayo Misterioso regresará ao festival con Todo terminará por Navidad.
Galicia comparte coas comunidades autónomas a súa Lei de Educación Dixital, unha normativa pioneira a nivel estatal que regulará por primeira vez o uso da IA no ensino. Faino no I foro europeo EducaIA que se celebrou en Santiago de Compostela coa participación de responsables educativos de dez comunidades autónomas, xunto con docentes e expertos na materia e a intervención por videoconferencia do director de Educación da OCDE, Andreas Schleicher.