
En aplicación do ditame sobre as AECT tense creado esta rede de AECT da que formarán parte representantes políticos e técnicos do ámbito europeo.
Gamallo, que moderou a primeira mesa redonda do encontro, destacou os elementos principais do ditame do Comité das Rexións sobre a revisión do Regulamento das AECT do que foi relator o Presidente da Xunta de Galicia. Así, destacou a idoneidade desta nova figura xurídica para canalizar programas ou proxectos de cooperación territorial e que servirá para unha mellor adaptación de cara ás necesidades que poidan aparecer neste ámbito a partires de 2014, cando se inicie o novo período de programación financeira na UE.
O director xeral incidiu na importancia do valor engadido que debe aportar o Comité das Rexións no desenvolvemento das AECT. Referiuse en concreto, á posta en marcha desta Plataforma de seguimiento das AECT que levará a cabo unha avaliación permanente do desenvolvemento desta normativa e da súa implantación práctica, facilitando o intercambio de experiencias e unha maior visibilidade deste instrumento de cooperación. Para Gamallo esta Plataforma será un órgano chave na tarefa de apoio e asesoramento das AECT.
Dende a óptica galega o director xeral destacou o papel activo que as AECT deben ter no desenvolvemento dunha cooperación territorial máis dinámica, centrada na busca de solucións innovadoras, na optimización dos recursos e no aumento da eficiencia na xestión. A xuízo de Gamallo todas as autoridades rexionais e locais deberían chegar a coñecer as vantaxes da cooperación territorial institucionalizada.
Neste acto de lanzamento da plataforma das AECT tomaron tamén parte, entre outras autoridades, a presidenta do Comité das Rexións europeo, o presidente da comisión de cooperación territorial deste organismo europeo e o Ministro de Estado húngaro de Xustiza e Administracións públicas.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.