Notas de prensa

Máis de 5.000 persoas participaron no plan de formación en galego

Co fin de fomentar a competencia en galego da sociedade, a Secretaría Xeral de Política Lingüística promoveu en 2010 un total de 301 cursos preparatorios para obter a certificación oficial de coñecemento de galego (Celga).

Tamén se realizaron cursos de formación específica para os profesionais ao servizo das distintas administracións.

No ano 2010, a Secretaría Xeral de Política Lingüística convocou en Galicia, con carácter voluntario e gratuíto, 185 cursos preparatorios para as probas dos niveis Celga 1, Celga 2, Celga 3 e Celga 4, dirixidos a particulares (adultos) e colectivos, entidades e/ou organizacións, nos que participaron un total de 2.595 persoas. Ademais, por primeira vez, a secretaría xeral ofertou en 2010 catro cursos en liña preparatorios para os exames do Celga 1, que contaron cun total de 146 alumnos e alumnas.

Fóra de Galicia tamén se organizaron cursos para preparar as probas Celga e outros de extensión cultural, convocados a través dunha resolución conxunta da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Secretaría Xeral de Emigración. Grazas a esta convocatoria, 500 persoas beneficiáronse dos 20 cursos organizados durante o 2010 en diversos puntos de Europa e de América.

Así mesmo, a través do Espazo Ibérico das Linguas do Instituto Cervantes, a secretaría xeral tamén organizou na sede desta entidade en Madrid cinco cursos formativos de lingua galega, nos que participaron 45 persoas.

Formación específica en galego para os profesionais ao servizo das administracións
De acordo co Plan xeral de normalización da lingua galega, a Secretaría Xeral de Política Lingüística organizou, o pasado ano, cursos para a formación específica en galego do funcionariado das distintas administracións. Dirixidos ao persoal da Administración autonómica, realizáronse, en colaboración coa Escola Galega de Administración Pública, 33 cursos de linguaxe administrativa galega de nivel medio e superior, nos que participaron 825 persoas. En colaboración coas escolas oficiais de idiomas, os cursos ofertados foron 27 e as persoas beneficiarias ascenderon a 675.

Respecto da oferta formativa para o persoal das administracións locais, un total de 150 persoas participaron nos seis cursos de linguaxe administrativa galega organizados conxuntamente coas deputacións de Pontevedra, de Ourense e de Lugo.

A Secretaría Xeral de Política Lingüística tamén incidiu no fomento da competencia lingüística en galego do funcionariado do Estado en Galicia. Fíxoo en colaboración co Instituto Nacional de Administración Pública, a través de 10 cursos de linguaxe administrativa galega de nivel medio e superior, dos que se beneficiaron 180 persoas.

Esta oferta formativa dirixida ao persoal das distintas administracións completouse coa realización de 11 cursos de linguaxe xurídica galega, en colaboración coa Dirección Xeral de Xustiza, nos que participaron un total de 255 persoas.

Outros cursos formativos
Co obxectivo de reforzar a formación do seu profesorado colaborador, a secretaría xeral organizou, por unha banda, as Xornadas de Formación de Avaliadores Celga e mais as Xornadas de Formación de Profesorado Celga, en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela, e, por outra, tres seminarios dirixidos ao profesorado colaborador encargado de impartir os cursos de linguaxes específicas.

O plan formativo desenvolvido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística tamén incluíu as xornadas de formación para os 33 lectores e lectoras que imparten lingua e literatura galegas en diversas universidades de Europa e de América. En 2010, estas xornadas incidiron nas posibilidades que ofrecen as tecnoloxías para o ensino e a aprendizaxe de idiomas.

No marco dos convenios de colaboración coas universidades da Coruña, de Vigo e de Santiago de Compostela, a secretaría xeral impulsou en 2010 diversos cursos de capacitación en galego dirixidos tanto ao estudantado como ao persoal docente e investigador. Tamén en colaboración coas tres universidades, organizáronse cursos de verán de lingua e cultura galegas para estranxeiros nos que participaron alumnos e alumnas de países de todo o mundo.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, 2011-01-18

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES