
O Salón Teatro de Santiago recibe á Companhia de Teatro de Braga co espectáculo Concerto "à la carte", produción número cen da formación portuguesa que se representa o venres 14 e o sábado 15, ás 20.30 horas, froito dun acordo de intercambio co Centro Dramático Galego. Con dirección de Rui Madeira a partir da obra do dramaturgo alemán Franz Xaver Kroetz, este monólogo sen texto aborda a soidade dunha muller entregada á depresión e á obsesión polas cousas ordenadas.
Concerto "à la carte" retrata a historia diaria dunha muller igual que tantas outras, na súa casa, prisioneira da súa propia cabeza, das súas rutinas e do seu caos organizado no cotián. Na súa vida, sucédense os días, todos iguais, fríos e abandonados, cos labores do fogar como principal preocupación. Porén, detrás desa fachada de ama de casa habita unha muller con ilusións, que loita no seu interior entre o que quere e o que debe ser.
Sen palabras
Trátase dunha comedia social que expón un ollar frío, concreto e real da vida vivida por moitas mulleres: A vida na máis crúa das rutinas e no máis pesado dos silencios, en palabras da propia compañía. Así, construído en partitura de silencios, este é un espectáculo sobre a existencia, onde durante hora e media a actriz Ana Bustorff dá vida á señora Rasch, unha muller solteira igual que tantas que habitan no apartamento do lado, que se cruzan connosco no supermercado, a quen ollamos sen ver e que morren sen sabermos.
Este espectáculo xestual preséntase no escenario compostelán dentro dun acordo de intercambio entre o Centro Dramático Galego e tres agrupacións de Portugal: ademais da Companhia de Teatro de Braga, Trigo Limpo de Tondela e Teatro Oficina de Guimarães. En contrapartida, o espectáculo do CDG Salomé exhibirase este mes de xaneiro no Centro Cultural Vila Flor de Gimarães (día 22), Teatro Acert de Tondela (día 26) e Theatro-Circo de Braga (28 e 29 de xaneiro).
As entradas para asistir ás representacións de Concerto "à la carte" poranse á venda no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo da actuación. Tamén poden adquirirse por adiantado a través do teléfono 902 43 44 43 ou na billeteira electrónica da web www.caixagalicia.es. O prezo das localidades é de 10 euros, cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven e desempregados.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.