Notas de prensa

Arousa, primeira mostra pictórica do ano na Casa de Galicia en Madrid

A mostra do artista Antonio Pérez, de Ribeira, ofrece a persoal visión do autor que coñece o mar dende todos os ámbitos. Azuis e terras, en toda a súa ampla gama cromática, son a base da paleta do pintor galego. A calidez das figuras contrasta coa dureza do oficio ao que se entregan. As texturas son máis ou menos densas en función da temática.

A delegación da Xunta de Galicia en Madrid acolleu a inauguración da mostra "Arousa", do artista de Ribeira Antonio Pérez, a primeira do ano. O acto correu a cargo do coordinador de Actividades Culturais, Ramón Jiménez, quen recordou nas súas palabras como o autor naceu no seo dunha familia mariñeira e xa dende pequeno traballou co seu pai nunha dorna aprendendo distintas artes de pesca. De aí vénlle a súa paixón polo mar. Aos 24 anos, convertido xa en capitán de pesca pola Escola Náutica de Vigo, partiría cara aos mares de Sudáfrica a exercer o seu oficio durante unha década.

"Actualmente", dixo Jiménez, "é mariñeiro en terra. Mariñeiro reconvertido en profesor de pintura e debuxo en Ribeira, que recolle nos seus cadros o froito de tantos anos de navegación, eses peixes que durante tanto tempo flotaran na súa retina, tan familiares para el, e que agora, transformados en pintura, inmortaliza nas mans dos seus queridos paisanos da Ría de Arousa, mans traballadoras que os descargan dos racús e os limpan, e que cosen tamén as redes onde se mexesen na súa postremeira loita co seu destino. As persoas ás cales pertencen estas mans desprázanse por estes cadros como nun Belén vivente e, ao igual que as figuras dos nacementos de Nadal, resultan entrañables. Parece que puidésemos coa nosa mirada convertelas en terracota e, sacándoas dun cadro, colocalas noutro". Destacou tamén o coordinador, a sensación de "paz que trasmiten os personaxes e as escenas que habitan os cadros, que provén quizais ou polo menos en parte do contraste coa dura batalla que libran os mariñeiros contra o proceloso mar... "

Pola súa banda o artista, tras agradecer á Casa "a cálida acollida que nela me dispensaron", explicou a cantos asistiron ao acto que é unha homenaxe a Arousa, "o lugar onde nacín e a ría máis bonita do mundo, aínda que non coñezo todas!, pero sen dúbida é moi bonita". O autor dixo que os cadros "son como anacos de quen os realiza" e no seu caso, explicou, que aínda que lle gustan moito as paisaxes, o protagonismo téñeno sempre as figuras, que reflicten unha calidez que contrasta coa dureza da profesión. Na súa paleta predominan os azuis e os terras, coa súa ampla variedade cromática, e traballa tamén coas texturas, segundo a temática que trata e o efecto que desexe conseguir.

A exposición de Antonio Pérez está aberta ata o 29 de xaneiro.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2011-01-12

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES