
O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, avanzou que o organismo provincial acometerá novas actuacións en Begonte por valor de 9.000 euros dentro da aposta pola máxima cooperación cos Concellos. Gómez Besteiro subliñou que rematamos un ano complicado no que todas as administracións vimos mermados os nosos ingresos, pero no que a Deputación, fronte á falsa austeridade doutras administracións, seguiu un lema: fronte á crise, hai que reiventarse e investir máis ca nunca. Baixo esta premisa, logramos inxectar en Begonte 850.000 euros nun ano.
As novas obras que executará o organismo provincial son as seguintes: no Castro, acondicionamento e ensanche do camiño que vai dende a igrexa ó cemiterio, e mellora do o campo da festa (3.000 euros); en Felmil, arranxo do local social da asociación Santiago de Felmil (3.000 euros); e obras de mellora na localidade de Cerdeiras (3.000 euros). Estes investimentos súmanse ós realizados durante 2010 que son: 51.000 euros en pequenas actuacións; ós 160.000 euros na conservación das estradas provincias, ós 300.000 euros na implantación da administración electrónica; e os 334.000 euros para a mellora na rede de abastecemento nos núcleos de Begonte e Baamonde.
Esta última iniciativa foi solicitada polo Concello á Xunta e á Deputación ante a imposibilidade de levala a cabo, e logo dos continuos problemas. As tubaxes atópanse moi deterioradas polos anos o que obrigou ás arcas municipais a pagar máis de 50.000 euros anuais en arranxos. Ademais, a presión da auga non é suficiente para realizar tarefas domésticas nalgúns barrios. O organismo provincial puxo a disposición de Begonte unha partida económica do Plan Extraordinario de Obra Pública para executar estas obras que xa foron adxudicadas. Fronte a isto, o Concello segue a espera de que o Goberno galego se faga cargo do resto das actuacións que teñen un custe total de 670.000 euros.
Continuidade do belén electrónico
O titular provincial aproveitou a visita a Begonte para visitar o popular belén electrónico. Trátase dunha obra creada polo falecido artesán José Rodríguez Varela, de recoñecido prestixio na Comunidade, e que cada ano visitan máis de 30.000 persoas. Conta con máis de 50 figuras que se estenden en 80 metros cadrados. Este ano, foi o primeiro no que non se incorporaron novas pezas debido ó falecemento do seu creador e responsable. Gómez Besteiro anunciou que ante esta situación, a Deputación fai posible a continuidade desta creación concedendo unha subvención de 5.000 euros á Asociación Cultural José Domínguez Guizán para o mantemento e ampliación desta obra que identifica e dá nome á provincia.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.