Notas de prensa

A Aula de Teatro do Campus de Lugo programa cinco obradoiros para o presente curso académico

A Aula de Teatro do Campus de Lugo organiza para o presente curso académico cinco obradoiros cos que pretende continuar e ampliar o traballo desenvolvido en anteriores edicións, segundo explicou a vicerreitora de Extensión Cultural e Servizos á Comunidade Universitaria, Mar Lorenzo, na presentación da programación desta Aula para o curso 2004/2005.

Nesta edición, as actividades previstas pretenden consolidar os lazos establecidos pola Universidade cos axentes implicados na promoción da arte dramática na cidade porque é necesario que a xente que fai teatro se implique, en palabras do director da Aula de Teatro da USC, Roberto Salgueiro. Para acadar este obxectivo, os obradoiros serán dirixidos por profesionais vinculados a Lugo como Ana Carreira, Cecilia Carballido, Marga Portomeñe ou Paloma Lugilde. O traballo da Aula de Teatro da USC no Campus de Lugo comezará o 8 de novembro coa apertura do Obradoiro de Arte Dramática. A dirección desta actividade recaerá por segundo ano consecutivo en Paloma Lugilde. Os interesados poderán matricularse nesta iniciativa dende o vindeiro luns, día 18, na Vicerreitoría do Campus de Lugo. No mes de novembro, tamén comezará un curso de iniciación teatral no que se abordará o xogo dramático. Cecilia Carballido será a encargada de impartir este seminario, no que se tratarán aspectos como a escolla do texto, a expresión corporal, o proceso de ensaio ou a improvisación. As clases terán lugar todos os luns lectivos dende o 8 de novembro ata o 14 de marzo. Xa no 2005 desenvolveranse outros tres seminarios dramáticos nos que se fará unha introdución ás técnicas dos contacontos; á construción e manipulación de monicreques e ás compañías de marionetas. Os responsables destes tres cursos serán Ana Carreira, Marcelino de Santiago e Isabel Rey, e Marga Portomeñe.
Espazo de Danza
Pola súa banda, o Espazo de Danza do Campus de Lugo recolle na súa programación para o curso 2004/2005 un obradoiro de danza clásica e outro de danza infantil. No primeiro deles, os participantes adentraranse nos aspectos básicos da danza como a coordinación entre movemento e música ou a expresión corporal a través do ritmo. Estas aprendizaxes serán postas en escena no segundo cuadrimestre do curso cando participen no III Encontro Europeo de Danza Universitaria, organizado pola USC. A matrícula neste obradoiro rematará o vindeiro 22 de outubro. Ademais, o Campus de Lugo tamén acollerá dende o vindeiro 26 de outubro un obradoiro de danza infantil, no que os cativos participantes aprenderán a ténica da danza clásica e de repertorio, coñecementos que poderán levar a escena a finais de curso no Festival de Danza Clásica Infantil.

Gabinete de Comunicación USC, 2004-10-14

Actualidad

Foto del resto de noticias (mitec-42-2025.jpg) A Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas presentou hoxe a programación da súa 42ª edición, que se celebrará entre os días 22 de xuño e 6 de xullo no Auditorio Municipal Xosé Manuel Pazos Varela, así como nas rúas e noutros espazos da vila do Morrazo, que acollerán 26 espectáculos e un nutrido programa de actividades lúdicas e sectoriais. O certame, organizado desde 1984 pola Asociación Cultural Xiria, é un dos poucos festivais de teatro europeos cuxo principal selo de identidade é a comedia, unha marca consolidada e referente da produción escénica deste xénero en calquera das súas vertentes: negra, branca, xestual, contemporánea, circense, dramática, musical e, dende hai máis dunha década, tamén na danza.
Foto de la tercera plana (musica-clasica.jpg) A praza Conde de Fontao de Foz será o enclave elixido para a actuación extraordinaria do festival o 31 de xullo con La Carroza Del Real, mentres que o destacado pianista Denis Kozhukhin abrirá oficialmente o ciclo de concertos o 12 de agosto na Fortaleza de Alfoz. O 13 de agosto a Real Filharmonía de Galicia e o Coro da Comunidade de Madrid realizarán o primeiro concerto sinfónico-coral no que interpretarán o Réquiem de Mozart na Catedral de Mondoñedo. A clausura do XII Festival Bal y Gay será co barítono galego Borja Quiza, o 21 de agosto, no Teatro Pastor Díaz de Viveiro, cita na que tamén participarán o pianista Javier Carmena e a mezzosoprano Andrea Rey, nunha proposta que mesturará as raíces galegas e españolas.

Notas

Afondar no papel que a evidencia científica pode e debe xogar nas decisións políticas e na implantacións de políticas públicas foi o obxectivo central da conferencia impartida pola presidenta do Consejo Superior de Investigaciones Científicas, Eloísa del Pino, na UVigo. Sustentar as actuacións públicas na ciencia, defendeu Del Pino, posibilita en primeiro termo 'ser eficiente cos recursos, porque sabes que é máis probable que unha política funcione, aínda que non é unha garantía de éxito'.
A Sociedade Europea de Biomateriais recoñeceu cun dos seus premios europeos de doutoramento Julia Polak 2025 a Ana Iglesias Mejuto e Miguel Pereira Silva, que realizaron a súa tese de doutoramento en iMATUS da USC. O galardón distingue persoal investigador novo que completou un doutoramento de excelencia no ámbito dos biomateriais e a enxeñería de tecidos, valorando tanto a calidade da súa investigación como a súa formación internacional.
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES