
As corais lucenses encheron de novo, con grande éxito, as rúas de Lugo de música nestas datas, con Cantos de Nadal, a iniciativa posta en marcha pola Vicepresidencia Primeira da Deputación, que amenizou o centro da cidade con panxoliñas en directo interpretadas polas agrupacións de música vocal os días 22, 23 e 30 de decembro. O 5 de xaneiro, como despedida, todas as corais que actuaron dentro deste ciclo se xuntarán na praza de Santa María.
Tralo éxito acadado polo I Encontro de Corais de Lugo, Voces na Rúa, que se celebrou do 22 ao 28 de novembro, as agrupacións Cantar Delas, o Orfeón Lucense, Xoan Montes, o Coro de San Antonio, a Coral Xolda, a Coral do Hospital Xeral, Novo Amencer, o Conxunto Vocal Lugh, a Coral de Amigos do Camiño de Santiago e a Schola Gregoriana Lucensis, actuaron estes días na Porta do Bispo Aguirre, a Praza Maior, a Praza do Campo e a Praza da Soidade , entre as 20:00 e as 21:00 horas. O día 5 de xaneiro, tamén de 20:00 a 21:00 horas, na Praza de Santa María, terá lugar un encontro de todas as corais, que cantarán xuntas os temas Adeste Fideles e Noite de Paz.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.