Notas de prensa

A Denominación de Orixe Ribeira Sacra pecha un ano excelente.

“Hai que chegar primeiros á meta cada día”, José Manuel Rodríguez, Presidente C.R.D.O.R.S.

Como ocorrera o ano anterior vendeuse toda a colleita que na cata de cualificación recibira a valoración de MOI BOA, a campaña de vendima superou as expectativas e roldáronse os 6.000.000 de quilos de uva de gran calidade, os resultados en concursos e certames seguen sendo positivos e foron, especialmente satisfactorios para a Denominación, o Certame Internacional de Viños de Montaña de Aosta e a Cata dos Viños de Galicia.

Este 2010 déixanos o acoller na Denominación de Orixe Ribeira Sacra a asemblea da C.E.C.R.V. (Conferencia Española de Consellos Reguladores Vitivinícolas) co que supuxo de promoción da D.O. e da zona, pero sobre todo, o 2010 péchase afianzando a un consumidor moi fiel aos nosos viños e xerando novos consumidores, entre todos conseguiuse que a “crise” estea pasando “de puntillas” pola Denominación.

En palabras do Presidente do Consello Regulador da D.O. Ribeira Sacra, José Manuel Rodríguez: “O 2010 foi de asentamento no mercado nun ano no que o sector está mal, o mundo do viño vive unha crise moi importante cunha baixada galopante no consumo e nesta tesitura a D.O. Ribeira Sacra non só se mantén, se non que ademais medra. Este é o gran logro da D.O. no seu conxunto. A Denominación acolleu a asemblea da CECRV, recibiu importantes premios a nivel nacional e internacional, cun incremento do recoñecemento que se manifesta non só nos premios, tamén en guías e foros de opinión.”

O 2010 péchase deixando case operativa ao 100% a Ruta do Viño, este ano déuselle un impulso definitivo para que no 2011 estea a pleno rendemento. Logo dun ano de 10, José Manuel Rodríguez non lanza fogos artificiais: “O sector do viño é unha carreira diaria, de evolución continua. Cada ano hai que facer un viño novo e que a xente o valore. Temos que estar aí sempre, o importante non é chegar un día á meta de primeiro, hai que estar constantemente aí. Levamos uns anos moi bos e iso non é casualidade, é resultado dunha forma de facer as cousas e de conseguir unha simbiose magnífica co consumidor, pero para que isto se manteña hai que seguir correndo, hai que chegar primeiros á meta cada día”.

O 2011 vese desde esta mesma perspectiva, continuar evolucionando na liña marcada ata agora. Os alicerces seguen sendo o traballo de todos os implicados na D.O. Ribeira Sacra e a sintonía que se creou co consumidor, un consumidor que esixe, pero que tamén responde. “Temos que ser capaces de seguir xerando esta relación co consumidor” apunta José Manuel Rodríguez.

Con 100.000 litros xa embotellados desta campaña para dar resposta á demanda, a D.O. enfróntase a un 2011 para o que se pide, como mínimo, que traia tantas satisfaccións como o 2010 que termina.

O Consello Regulador da D.O. Ribeira Sacra deséxavos un ano 2011 cheo de satisfaccións e agradécevos a atención prestada.

Némesis Creaciones, 2010-12-29

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES