
A deputada do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, deixou moi claro o rexeitamento dos nacionalistas galegos ao documento que contén as recomendacións do Pacto de Toledo e que foi votado este mediodía.
Previamente á celebración da Comisión do Pacto de Toledo, a deputada do BNG comparecía en rolda de prensa conxunta con Llamazares (IU-ICV) e con Tardá (ERC) para explicar aos medios de comunicación a oposición das tres formacións políticas a un documento ambiguo e flexíbel que permite ao Goberno presentar o proxecto de lei que queira. Asemade, anunciaron a presentación dun voto particular ao documento que podería ser conxunto.
É preciso sinalar que é a primeira vez na historia do Pacto de Toledo que se produce un rexeitamento por parte dalgunhas forzas políticas como é o caso.
Na rolda de prensa, Davila explicitou o voto en contra do BNG a un documento que fai unhas recomendacións ambiguas, abertas e flexíbeis nas dúas principais cuestións que están na axenda do Goberno. Unha flexibilidade que permitirá ao Executivo presentar un proxecto de lei que contemple a ampliación da idade de xubilación até os 67 anos e ampliar o cálculo para a pensión até os 20 anos. Poderá facelo sen que entre en contradición coas recomendacións do Pacto de Toledo.
A deputada do BNG deixou claro que no actual contexto no que o Goberno avanza nos recurtes sociais, nós non imos participar en ningunha actuación que supoña dar información enganosa á cidadanía. Facer crer á xente que se aproba un documento cunha maioría é un verdadeiro engano porque as recomendacións do Pacto de Toledo non significan ningún amparo dos dereitos da cidadanía.
O fundamental, enfatizou, é que o Goberno de Zapatero vai presentar o 28 de xaneiro un proxecto de lei que temos claro que vai aumentar a idade de xubilación e tamén os anos para o cálculo da pensión. O BNG, recalcou, non pode participar nen subscribir documentos que conteñen unha mensaxe enganosa á cidadanía.
A reforma das pensións é parte da axenda de recurtes sociais do Goberno
Davila subliñou que a reforma das pensións forma parte do conxunto de reformas que está a acometer o Goberno. É parte da axenda de recurtes sociais que se está a facer en consonancia coas directrices dos centros de decisión económicos-políticos máis ultraliberais, tanto de la Unión Europea como mundiais como o FMI baixo o argumento dos mercados.
A deputada do BNG comparou o mercado cun misil co que nos bombardean a diario nesta guerra aberta do capitalismo contra o Estado do Benestar. Davila centrou as súas críticas ás recomendacións número 11 e a número 12. A 11 refírese á contributividade: fixémonos na ampliación do número de anos para o cálculo da pensión, non dí que se amplíe pero o deixa aberto o que permitirá ao Goberno facer o que queira. A recomendación número 12, é a da idade de xubilación: prolongación da idade de xubilación. Tamén se deixa aberto para que o Goberno faga a súa proposta concreta.
A deputada nacionalista deixou claro que o BNG non vai apoiar un documento que nas súas recomendacións non diga con claridade que non se debe prolongar a idade de xubilación máis alá da idade legal de 65 anos. Non respaldaremos un documento que non diga con claridade que non se vai aumentar o periodo de cálculo para a cuantificación da pensión máis alá dos quince anos establecidos actualmente.
Reprochou ao Goberno que se ampare nas reformas similares que se están a facer noutros Estados porque as situacións de partida son muy distintas. En materia de pensións o Estado español padece un retraso considerábel respeito a Europa. No ano 2006, o Estado español adicaba o 8,8% do PIB frente ao 12,1% de mediada UE a 15. E igual sucede co gasto social.
Puxo de manifesto que actualmente as persoas que desexan traballar despois dos 65 anos xa poden facelo de maneira voluntaria e dacordo coa lei vixente. O que non é de recibo é recurtar un dereito como é o actual límite da idade legal de xubilación. Demandou ao Goberno que en lugar de recurtes sociais incentive a creación de emprego.
Criticou que se esté trasladando á cidadanía que o documento do Pacto de Toledo é de grande relevancia cando o Goberno vai presentar un proxecto de lei o 28 de xaneiro. Trasladar ai dea de que as recomendacións son algo importante é unha mensaxe enganosa.
Expresou a preocupación do BNG polo futuro. Preocúpanos o que vai suceder despois do 28 de xaneiro porque a OCDE que avalia os recurtes do Goberno español pide máis, considéraas insuficientes. É para botarse a tembrar.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.