A Consellería do Medio Rural, a través do Fondo Galego de Garantía Agraria (FOGGA), ordenou a transferencia de 8.185.752 euros en materia de indemnizacións compensatorias, correspondentes á campaña 2010, a 6.130 agricultores de zonas desfavorecidas.
As axudas, no marco do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia para o período 2007-2013, teñen por obxectivo indemnizar aos agricultores que desenvolven a súa actividade en zonas con desvantaxes naturais polos custos adicionais e as perdas de ingresos derivados das dificultades que plantexa a produción agrícola nesas zonas. Preténdese favorecer o uso continuado das terras agrícolas, contribuíndo ao mantemento dunha comunidade rural viable que posibilite a conservación do campo.
Estes pagos, correspondentes a solicitudes presentadas entre o 1 de febreiro e o 14 de maio de 2010, realízanse despois de que o FOGGA fixera os controis administrativos e sobre o terreo establecidos para a comprobación do cumprimento dos compromisos asumidos polos agricultores.
Distribución provincial
A axuda mínima por explotación é de 300 euros e a máxima de 2500 . Na distribución provincial do importe das axudas pagadas, un 9.34% corresponden á provincia de A Coruña, un 71,85 % á de Lugo, un 11,65% á de Ourense e un 7,16 % á de Pontevedra. Estas axudas están cofinanciadas nun 57,56 % polo Fondo Europeo Agrario de Desenvolvemento Rural (FEADER) e o resto a partes iguais pola Comunidade Autónoma, a través do Departamento que dirixe Samuel Juárez, e pola Administración Xeral do Estado.
Axudas directas da PAC
Estes pagos súmanse aos efectuados recentemente e que corresponden a varias axudas directas da Política Agraria Común, coa transferencia, en días pasados, de 69.724.182 euros que beneficiaron a 52.460 gandeiros. Esta cifra, sumada aos 44.236.624 euros pagados no mes de outubro como anticipo, supón un total de 113.960.806 euros que ten recibido o sector como axudas directas á agricultura e á gandería solicitadas neste ano e financiadas polo Fondo Europeo Agrario de Garantía (FEAGA).
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.