A conselleira de Sanidade, Pilar Farjas Abadía, presidiu no Centro Galego de Arte Contemporánea, o acto de entrega do premio María Josefa Wonenburger Planells 2010, que recaeu en Carmen Navarro Fernández-Balbuena, xefa do servizo de Anatomía Patolóxica do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo, a quen felicitou polo seu traballo, que, sen dúbida, contribúe a mellorar a calidade da atención aos pacientes, o noso principal obxectivo.
Segundo a titular da carteira sanitaria do executivo galego, os méritos científicos e profesionais da doutora Navarro son froito dunha gran dedicación e perseveranza, xunto cunha especial capacidade e vocación.
No acto, Farjas amosouse especialmente satisfeita de entregar este galardón a unha gran profesional do sistema sanitario galego, doutora en Medicina e especialista en Neuropatoloxía, natural de Madrid, pero que leva xa vinte anos desenvolvendo o seu labor asistencial, científico, docente e investigador en Galicia.
Tal e como destacou Pilar Farjas, a doutora Navarro lidera un grupo de investigación competitivo e de prestixio tanto a nivel nacional como internacional, ademais de desenvolver o seu labor asistencial no complexo hospitalario universitario da cidade olívica. Tamén é membro do Consello Asesor da Consellería de Sanidade, presidenta do Comité de Investigación do CHUVI, e directora científica do Instituto de Investigación Biomédica de Vigo.
Participación dos profesionais
No sistema sanitario público de Galicia, en liña coa Estratexia Sergas 2014, estamos a desenvolver un modelo de investigación e innovación aberta, que facilite a participación aos nosos profesionais e onde converxan catro axentes principais, os usuarios, os centros xeradores de coñecemento (universidades e outros organismos públicos de investigación), as empresas biosanitarias e o Sergas, remarcou Pilar Farjas.
"Como conselleira de Sanidade estou ao fronte dun equipo no que cremos que é o momento de innovar, de transformar e modernizar a nosa sanidade, coa fin de conseguir mellores resultados. Estamos convencidos de que para iso é necesario que entre todos, pacientes e usuarios, profesionais, xestores e administradores, así como organizacións e institucións, poñamos a vontade, o coñecemento, o traballo e os medios suficientes para acadar este cambio, subliñou.
Resolución dos problemas de saúde
Tal e como remarcou a conselleira no acto de hoxe, as nosas institucións e os nosos magníficos profesionais e grupos no ámbito da investigación biomédica, dos que a doutora Navarro é un exemplo, concorren con éxito en convocatorias competitivas públicas no campo da saúde. Así, o pasado ano participaron en 41 proxectos nacionais e 64 proxectos autonómicos, e sempre co obxectivo de orientar as políticas e actividades de I+D+i cara á resolución dos problemas de saúde que afectan á poboación galega, a través da investigación traslacional.
O premio María Josefa Wonenburger foi instituído no seo da Unidade Muller e Ciencia de Galicia, na que están representados os departamentos da Xunta de Galicia competentes en materia de igualdade; de educación; de investigación, desenvolvemento e innovación; de sanidade; e agora tamén de modernización.A doutora Navarro, ao igual que as anteriores premiadas é, segundo a conselleira de Sanidade, un claro exemplo de servizo ao desenvolvemento social a través da investigación e mellora do coñecemento. Estas mulleres amosan que, con capacidade e esforzo, é posible desenvolver unha traxectoria profesional e investigadora plena.
Para rematar a súa intervención, Pilar Farjas dixo que a situación actual das mulleres na ciencia e na investigación dista moito de ser igualitaria, pero o certo é que a nosa presenza é cada vez maior, ao igual que noutros campos. Un dato alentador é que en España un 90% dos pais e nais perciben a ciencia como un ámbito no que teñen cabida por igual homes e mulleres.
Investigar nos hospitais
Pola súa banda, Carmen Navarro falou sobre A investigación no hospital: unha necesidade., e compartiu o premio con todas e cada unha das persoas que integran o seu equipo no Instituto de Investigación Biomédica de Vigo e no Servizo de Anatomía Patolóxia do CHU de Vigo, e as que ao longo da súa traxectoria profesional e de vida a axudaron a chegar ata aquí.
Carmen Navarro lembrou que aínda que tradicionalmente os hospitais son considerados como os centros onde os enfermos son tratados, e a investigación relacionouse coa universidade, a realidade demostra que un hospital terá unha mellor asistencia canto máis se desenvolva a investigación no mesmo.
Unha proba diso, dixo a médica, é que cada vez se potencia máis a investigación traslacional coa creación dos Institutos de Investigación Sanitaria, o que supón que, en parte, a investigación se traslade e se fortaleza nos hospitais, e así, se acurte o tempo de aplicación dunha determinada investigación, xa que os resultados son máis directos, rápidos e polo tanto máis eficaces.
Navarro fixo un chamamento para prestar máis atención as denominadas enfermidades raras, que as sofren menos de 5 de cada 10.000 habitantes, nas que é especialista e nas que centra grande parte das súas liñas de investigación, xa que debido a súa baixa incidencia (185.000 persoas en Europa) e ao número tan extraordinariamente elevado de entidades diferentes que existe (máis de 7.000 catalogadas), fai que non susciten o interese, ou moi pouco, por parte da industria farmacéutica, que a miúdo non as coñezan os e as profesionais e que os pacientes e as súas familias estean desprotexidos e abandonados.
Ademais, a biomédica fixo fincapé na importancia dos Bancos de Texidos para traballar sobre as enfermidades neuromusculares, e comentou algúns dos traballos realizados por ela e pola súa equipa sobre demencias atípicas e prionopatías, que son as únicas enfermidades que poder ser ao mesmo tempo esporádicas, xenéticas e trasmisibles, sinalou Navarro, que rematou a súa intervención cunha emotiva lembranza a súa familia de orixe galega, e desexando que os traballos e as obras científicas das mulleres sexan cada vez máis coñecidos e considerados coa xustiza que se merezen, e para iso, dixo, contribuirá o Premio María Josefa Wonenburguer, que concede a Unidade Muller e Ciencia da Xunta de Galicia.
O premio
A cerimonia rematou coa entrega, por parte da Conselleira de Sanidade, do galardón a premiada. Este no, o premio chámase A linguaxe da vida, e é unha pulseira, elaborada a man en prata de primeira lei, cuio deseño baséase na cadea do ácido desoxirribonucléico, a base de todo ser vivo, e quere ser unha homenaxe a todas as mulleres e homes que dedicaron e dedican a súa vida á ciencia en agradecemento pola importante contribución do seu traballo ao benestar e progreso da humanidade.
A pulseira foi deseñada por Beatriz e Miguel Piñeiro, da empresa galega Tsubaki&Co, e preséntase sobre un cilindro macizo de madeira de cedro con aplicacións en prata de primeira lei.
A Xunta iniciou hoxe nas residencias de maiores a campaña de vacinación fronte á gripe, que incorpora a vacina reforzada desde os 65 anos e busca chegar a 926.000 persoas de máis de 60 anos. En Galicia hai 926.000 persoas de 60 ou máis anos como poboación diana para a vacinación fronte á gripe, e ao redor de 549.000 maiores de 70 anos, que é a poboación diana para a que está indicada a inmunización fronte á covid. A campaña prolongarase ata o 31 de decembro, desenvolvéndose de xeito progresivo nos distintos colectivos e grupos de idade. Así, logo do arranque de hoxe nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o vindeiro día 13 de outubro incorporarase a vacinación infantil nos centros de saúde e nos 75 colexios.
O informe de balance do programa de axudas para a Atracción de Empresas a Galicia, unha liña xestionada pola Consellería de Economía e Industria a través do Igape que se consolida como un piar estable dentro da estratexia económica do Goberno galego, reflicte que entre os anos 2024 e 2026, este programa permitiu a concesión de 74,08 millóns de euros en subvencións públicas, unha contía que impulsou a posta en marcha de 96 proxectos empresariais e que xerará un impacto económico total de 256,75 millóns de euros en mobilización de investimento privado.