Notas de prensa

Formato Verde/TNL, con sede en Galicia, transforma o sistema de recollida de lixo en Abu Dhabi

O grupo Formato Verde/TNL, con sede no Parque Tecnolóxico de Galicia, resultou adxudicatario da implementación do novo sistema de recollida de residuos na capital dos Emiratos Árabes, mediante a instalación de 97 colectores de alta capacidade de compactación dotados cun sistema global de comunicacións.

Esta adxudicación comezou a xestarse no ano 2008, cando Formato Verde foi a empresa elixida polo concello de Abu Dhabi mediante un concurso de ideas para mellorar o impacto visual dos colectores na cidade, rebaixar os custos da recollida e reducir as consecuencias sobre o tráfico que producían os camións de lixo diariamente. A solución proposta pola firma galega estaba baseada no seu produto máis evolucionado, o BigTainer, un equipo que permite compactar até 20 metros cúbicos de residuos sólidos, reducindo así o número de descargas e eliminando o impacto estético dos grandes colectores en superficie.

Esa experiencia inicial do concurso de ideas derivou nun primeiro contrato para instalar dez puntos de recollida en zonas estratéxicas da cidade. O seguinte paso consistiu en convocar un concurso para transformar todo o ciclo de recollida nesta urbe de case 1,9 millóns de habitantes, na que a media de produción diaria de residuos urbanos é de 2,2 quilos por persoa (o dobre que en España). As bases establecían que os grupos aspirantes deberían propoñer técnicas e solucións similares ás da experiencia piloto desenvolvida con Formato Verde e de novo impúxose a tecnoloxía galega.

Na actualidade, esta empresa completou a instalación de 51 dos 97 colectores Big Tainer contratados. Un deles está situado ao pé da maior mesquita do Golfo Pérsico. Nesta fase do proxecto traballan técnicos desprazados por Formato Verde desde as súas dúas sedes -Ourense e Porto-, con apoio de empresas locais do ámbito da construción.

Sistema de recollida eficiente

Antes de empregar a tecnoloxía galega, o sistema de recollida en Abu Dhabi estaba formado por numerosos colectores metálicos en superficie e por unha flota de 36 camións, cada un dos cales realizaba tres recollidas ao día e cubría unha distancia media de 100 quilómetros até a planta de tratamento. Ademais, os colectores en superficie xeraban un gran impacto visual e mesmo dificultaban o tráfico en numerosas rúas.

O BigTainer de Formato Verde está a cambiar por completo a imaxe da cidade. Este equipo, composto por unha caixa compactadora de residuos que vai soterrada e por unha plataforma de elevación, só leva á vista unha simple caixa de correos para depositar o lixo.

Ademais, incorpora un sistema global de comunicacións mediante o que cada autocompactador envía un sinal á central de información con datos en tempo real como a carga depositada, o estado de funcionamento e a data e hora da última recollida. Este sinal derívase a cada camión para optimizar así as rutas. Por outra banda, todos os colectores incorporan tecnoloxía de identificación de usuarios.

Recarga de coches eléctricos e wifi

A adxudicataria do servizo do lixo en Abu Dhabi solicitoulle á empresa galega unha mellora sobre o Big Tainer convencional. Esa modificación consistiu en adaptar os puntos de recollida a necesidades futuras, como conexións para a recarga de coches eléctricos, Internet wifi, cámaras de seguridade, displays e espazos publicitarios.

Outra mellora está ligada ao acabado estético. Ao redor das caixas de correos dos autocompactadores poden despregarse marquesiñas con parasois e con vaporizadores de auga para axudar aos usuarios do transporte público a soportar as elevadas temperaturas.

Formato Verde

Formato Verde acumula unha experiencia de dez anos en deseño industrial aplicado a solucións ambientais. O seu produto estrela son as diferentes versións de colectores soterrados (Ecotainer, Citytainer, Sidetainer e Big Tainer) que xa instalou nas grandes cidades de Galicia e en numerosas localidades de España e Portugal.

O seu buque insignia, o BigTainer, está presente en capitais como Lisboa, Porto, Málaga e recentemente en Valencia. No ámbito internacional, exportou unidades a Irlanda, Sudáfrica e Canadá.

Marcos Rodríguez (xerente de Formato Verde), 2010-12-07

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES