Notas de prensa

Mar impulsa o mexillón de Galicia con accións promocionais en decembro

Este produto promociónase en máis de 300 valos publicitarios en máis de 500 puntos de venda de cidades de toda Galicia e a través das Xornadas Gastronómicas. O obxectivo da iniciativa é mellorar a comercialización do mexillón galego no Nadal, incrementar a súa competitividade.

A Consellería do Mar impulsa o mexillón de Galicia no mes de decembro a través de dúas campañas promocionais e dunhas xornadas gastronómicas que poñen en valor este produto. O obxectivo destas iniciativas é mellorar a comercialización do mexillón galego durante o Nadal, incrementar a súa competitividade fronte a produtos foráneos, potenciar a Denominación de Orixe Protexida e proporcionar unha maior información aos consumidores. Neste sentido, a consellería realizou ademais en novembro o concurso profesional de cociña dedicado a este produto. A estas campañas e accións destina máis de 200.000 euros.

No que respecta ás campañas, a Consellería está a facer a promoción do Mexillón de Galicia en máis de 300 valos publicitarios e en máis de 500 puntos de venda de cidades de toda Galicia utilizando respectivamente os slogans Unha fonte de pracer e Hoxe pide Mexillón de Galicia. Unha fonte de pracer. Nos puntos de venda –mercados de abastos, supermercados e grandes superficies- repartiranse en total ao longo do mes máis de 500.000 trípticos, 3.000 pezas para colgar coa creatividade da campaña e 6.000 carteis por establecementos comerciais de toda Galicia.

Por outra banda, a Consellería, en colaboración con Cehosga, está a desenvolver, nas sete principais cidades galegas, as Xornadas Gastronómicas do Mexillón de Galicia nas que participan 88 empresas de restauración que inclúen nas súas cartas e menús un mínimo de dúas referencias que teñen como principal ingrediente o mexillón galego.

A Consellería do Mar destaca a importancia das accións de promoción deste tipo de cara a recuperar os hábitos de consumo do mexillón galego despois dos períodos de tempo con dificultades por parte dos produtores para manter un bo nivel de abastecemento do mercado debido a afección da toxina lipofílica.

Feira de Mostras da Coruña

Estas e outras campañas desenvolvidas pola Consellería do Mar están presentes na Feira de Mostras da Coruña Femaga – que se celebra dende o 4 de decembro ata o mércores 8- nun stand institucional de preto de 50 m2 no que os asistentes poden coñecer estas iniciativas que impulsan o consumo de mexillón e doutros produtos do mar como a marca Pescaderias, e as campañas Mar Achega, O sabor da aventura está no mar e Ponlle as pilas ao teu bocata.

Gabinete de Comunicación da Consellería do Mar da Xunta de Galicia, 2010-12-07

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES