Notas de prensa

Galisenior, o Salón Galego das Persoas Maiores, reunión de profesionais

O Salón Galego das Persoas Maiores, Galisenior, contempla un programa de 60 actividades destinadas ao envellecemento activo e saudable que se clausurará cun concerto interxeneracional. Os días 19 e 20 de novembro terán lugar as Xornadas Técnicas Profesionais.

Presentouse en Expourense a 7ª edición de Galisenior “Salón das Persoas Maiores”, que terá lugar os próximos días 19 e 20 de novembro, coa presenza dos representantes das principais entidades que colaboran na programación das actividades. Estes foron o delegado territorial da Xunta de Galicia, Rogelio Martínez, a concelleira de Benestar Social de Ourense, Margarita Martín, a directora do centro ourensán da Obra Social Caixagalicia en representación do Programa de Maiores desta institución, Carmen Bonet, e o director xerente de Expourense, Alejandro Rubín.

Rogelio Martínez remarcou a importancia que ten Galisenior para fomentar o envellecemento activo e saudable dos maiores galegos e galegas, destacando a significante porcentaxe de persoas que superan os 65 anos de idade na nosa conunidade, cun 21,7 %, e especialmente na provincia de Ourense que é a máis envellecida cun 28,4%.

A concelleira de Benestar Social sinalou que no caso da cidade de Ourense ás persoas maiores supoñen aproximadamente o 25% da poboación, polo que moitas accións do Concello diríxense por un lado a apoiar aos dependetentes, pero tamén a previr a situación de dependencia mediante propostas que os estimulen tanto físicamente, como emocional ou psicosocialmente. De feito nesta liña se actúa desde o Salón que presenta un elenco de actividades con novidades, como indicou a representante da Obra social Caixagalicia, tales coma o uso de DNI electrónico, un concurso de fotografía, ou a exposición “Imaxes con Imaxinación”.

Tal e como explicou o director xerente de Expourense, Galisenior 2010 xirará sobre catro eixos principais: a propia feira, as xornadas técnicas profesionais, o programa de actividades para público xeral e a celebración dun concerto interxeracional. Accións que supoñen en cifras un total de 12.000 metros cadrados de actividade no que se contará con 60 expositores, 40 relatores, e outras 60 conferencias, obradoiros e exhibicións.

A FEIRA

A Área Comercial contempla expositores que presentarán as últimas novidades en produtos e servizos sociosanitarios orientados a mellorar a calidade de vida tanto na atención á dependencia como para favorecer a autonomía persoal. Entre estes contaranse ademais da oferta de vivenda, a consultoría, os apoios técnicos, equipamentos tanto para o fogar coma outro tipo de residencias, o catering ou a restauración colectiva, a formación e a animación sociocultural. E por outra banda as principais entidades públicas presentarán os seus programas de actuación para atender a este sector da sociedade. Pero tamén as asociacións e os colectivos de maiores expoñerán as súas actividades que levan a cabo cotidianamente co obxectivo de divulgar o seu papel dinamizador.

Na Área de participación, Galisenior presenta toda unha oferta activa que convide a participar a quen o visite. O programa está orientado a fomentar a adopción de hábitos saudables e preventivos, así como a introducir aos visitantes en novas fórmulas de lecer ou informalos das novas tendencias sociais.

Entre as novidades ademais das comentadas destacan a cociña interxeneracional ou a unidade móvil dental.

Así, o programa de obradoiros e conferencias dirixidas aos maiores e as súas familias contempla accións sobre o benestar físico (ximnasia, tai-chi, pilates, danza do ventre, “cachivol”, modalidade de boleibol para persoas maiores), benestar emocional (estimulación da memoria, risoterapia, probas de valoración psicolóxica, un torneo interxeneracional de xadrez..) e benestar social (animación á lectura, perruquería e estética).

Ademais contémplase obradoiros sobre traballos feitos a man (elaboración de pulseiras, encaixe de palillos e outras manualidades) que se poderán compaxinar con actividades relacionas coas Novas Tecnoloxías (desde o uso do móbil ás videoconferencias e blogs), ou charlas sobre modelos de vida saudables e preventivos (alimentación, seguridade viaria e doméstica).

A recreación dun centro de día, o desplazamento de vehículos adaptados, a realización de probas auditivas e visuais, convivirán coas actuacións dos propios usuarios dos centros socioculturais que trasladarán o seu mellor repertorio (bandas de gaitas, corais, ou teatro, etc.) realizado por e para os maiores.

XORNADAS TÉNICAS PROFESIONAIS

Galisenior ten previsto celebrar de forma complementaria ao salón unha nova edición das Xornadas Técnicas que estarán dirixidas a tódolos profesionais do sector e estudantes universitarios, creando un espazo para o estudo, reflexión e coñecemento das políticas sociosanitarias existentes e outras experiencias foráneas. A presenza de conferenciantes de Galicia, Madrid, Navarra, Cataluña, e outros países coma Suecia ou Portugal propiciará o debate e intercambio de visións.

Ó longo dos dous días, as Xornadas contarán coa representación de case tódalas asociacións galegas e incluso algunhas españolas que aglutinan ás empresas e profesionais do sector. Entre os temas que se van tratar relaciónanse os Produtos de apoio á autonomía persoal, a Valoración da Lei da

Dependencia, Experiencias de Boas Prácticas na Atención ós Maiores, Perspectivas laborais no ou Novas tendencias. A cooperación transfronteriza con Portugal trasladará proxectos como o Centro de Apoio ó Desenrolo Social e o Impacto da Certificación da Calidade na prestación de servizos.

Pero este foro profesional ten igualmente á terceira idade como centro de atención, como sinala a conferencia inaugural “Os maiores, protagonistas do século XXI”, así que as agrupacións que representan a voz dos propios maiores contarán cun espazo no mesmo. As mesas de debate constituirán o lugar idóneo onde expresar as súas opinións sobre o envellecemento e cómo se aborda na actualidade desde as institucións e a sociedade, ou informar sobre o papel que cumpren as súas asociacións no entorno socieconómico e familiar.

CONCERTO INTERXENERACIONAL

Tanto as Xornadas Técnicas Profesionais como a propia a feira contarán cun broche musical convertido en Concerto Interxeneracional a cargo do grupo ourensán “O Sonoro Maxín”, que interpretará un repertorio de cancións propias do gusto tanto dos novos como daqueles de idades máis avanzadas. Con diversos estilos musicais, pecharán a sétima edición de Galisenior co carácter festivo e activo que merece este sector social.
O horario da feira será de 11.00h a 14.00 h. e de 16.00h a 20.00 h con entrada grauíta. Contando co patrocinio da Xunta de Galicia a través da Consellería de Traballo e Benestar e a colaboración da Obra Social Caixagalicia, o Concello de Ourense a través da Concellería de Benestar Social e empresas coma Geriatros, Galisenior convoca un novo punto de encontro tanto para os profesionais coma os propios maiores e as súas familias.

Lorena Alberte Fernández (Expourense), 2010-11-16

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES