Notas de prensa

Raquel Arias anuncia un investimento de 4,2 millóns de euros na posta en marcha de nove programas mixtos de formación e emprego

Lugo acolle no global do ano 37 programas mixtos de formación e emprego, que superan os 18,7 millóns de euros de investimento e benefician a máis de 800 persoas desempregadas.

A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, comunicou a aprobación por parte da Consellería de Traballo de oito obradoiros de emprego e unha escola obradoiro a desenvolver na provincia de Lugo a partir do vindeiro mes de decembro, que suman un investimento de 4.224.824 euros.

Arias destacou que estes programas mixtos de formación e emprego “beneficiarán a 196 traballadores desempregados, que adquirirán novas habilidades profesionais á vez que desenvolven un traballo remunerado”.

Os proxectos subvencionados son os promovidos polo Instituto Lucense de Desenvolvemento Económico e Social (Inludes) e os concellos de Carballedo, Palas de Rei, Folgoso do Courel, O Corgo, Abadín, Friol, Antas de Ulla, O Valadouro-Alfoz, estes últimos unidos na Mancomunidade de Municipios Río Ouro.

Arias indicou que estas iniciativas “poñeranse en marcha en decembro deste mesmo ano, e veñen a sumarse aos catro que se iniciaron no mes de xullo, nos concellos de Ourol, Cervo, Láncara, O Saviñao”.

En total, incluíndo os proxectos rematados a mediados de ano, e os que finalizan e comezan en decembro, a Consellería de Traballo e Benestar terá subvencionado no 2010 na provincia de Lugo 37 programas mixtos de formación e emprego.

O investimento global destas iniciativas supera os 18,7 millóns de euros, beneficiando a 788 alumnos traballadores e dando tamén emprego a outras máis de 40 persoas, entre monitores e persoal de dirección e administrativo.

Os participantes neste tipo de proxectos “reorientan a súa traxectoria laboral cara aos novos viveiros de emprego”, como a asistencia sociosanitaria –impulsada pola Lei de Dependencia- ou as enerxías renovables, pero tamén “cara a oficios tradicionais que rexistran unha ampla demanda no mercado de traballo”, explicou Arias.

Ademais de favorecer a inserción laboral dos participantes, os obradoiros de emprego centran a súa actividade na execución de obras e servizos de interese xeral e social, “que polo xeral redundan na melloría de infraestruturas e dotacións en beneficio dos veciños e veciñas do municipio de referencia”, afirmou a delegada.

O proxecto de escola obradoiro aprobado nesta ocasión é o de Servizos á comunidade II, o que supón dar continuidade a esta iniciativa promovida polo Inludes. Nestes momentos está en marcha a primeira edición, que rematará no mes de decembro, coincidindo co comezo desta nova etapa. Acollerá a 26 alumnos e alumnas menores de 25 anos e representa un investimento da Consellería de Traballo de 546.042 euros.

A escola obradoiro ten unha duración de 18 meses, superior, por tanto, aos 12 meses que duran os obradoiros de emprego. Imparte a especialidade de atención sociosanitaria a persoas no domicilio, e os participantes realizarán o traballo práctico no centro residencial de San Roque e na residencia San Vicente de Paúl para persoas con discapacidade intelectual.

Obras e especialidades profesionais

Os concellos, pola súa banda, organizarán obradoiros de emprego, dirixidos a persoas desempregadas de 25 anos ou máis e que, a diferenza das escolas obradoiro, combinan dende o primeiro día a formación teórica e a práctica profesional –no caso das escolas obradoiro hai unha primeira fase puramente formativa-.

A rehabilitación de antigas escolas e outros inmobles para uso comunitario, a adecuación de espazos urbanos ou naturais, e a construción e colocación de mobiliario urbano son os proxectos que máis abundan entre as propostas a acometer polos traballadores e traballadoras dos obradoiros.

Os obradoiros de Palas de Rei e Friol introducen formación en asistencia sociosanitaria a domicilio; o primeiro oferta ademais as especialidades de operacións en formigón e instalación de enerxías renovables, e o segundo inclúe albanelaría e carpintería metálica.

O concello do Corgo tamén oferta a especialidade de operacións en formigón, ao igual que os obradoiros da Mancomunidade de municipios Río Ouro –xunto coas de instalación de elementos de carpintaría e xardinaría-, e de Carballedo –igualmente xunto á de instalación de elementos de carpintaría-.

A albanelaría está presente nos outros tres obradoiros restantes. E materia única no de Folgoso do Courel, e combínase coa especialidade de pavimentador azulexador en Abadín e coa de xardinaría en Antas de Ulla.

Gabinete de Comunicación da Delegación Territorial da Xunta de Galicia en Lugo, 2010-11-15

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES