Notas de prensa

Arias destaca que os orzamentos do 2011 serán “os da converxencia territorial” para a provincia de Lugo

A delegada territorial sinala a aposta por sectores estratéxicos: consígnanse máis de 10 millóns de euros para a modernización tecnolóxica –á marxe da extensión da banda larga-, e cerca de 75 millóns para o plan estratéxico do sector lácteo.

Os orzamentos do 2011 para a provincia de Lugo teñen como referente “a converxencia territorial”, por elo “priman o investimento nesta provincia” e, fundamentalmente, “impulsan o desenvolvemento en tres eidos básicos: O tecido empresarial, o medio rural e as infraestruturas”.

Así o expuxo a delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, quen destacou que os orzamentos da Xunta de Galicia para o vindeiro exercicio están caracterizados polo fortalecemento das políticas sociais, a extensión das novas tecnoloxías e o empuxe ao reequilibrio territorial. Os orzamentos, sinalou, “blindan a prestación de servizos fundamentais e garanten a continuidade de todos os proxectos de infraestrutura que están en execución”.

Arias repasou algúns dos investimentos que xa aparecen territorializados e que confirman o esforzo inversor que se pretende realizar en Lugo, sen contar con outras partidas xenéricas que terán unha incidencia especial na nosa provincia, como sucederá no ámbito da modernización tecnolóxica.

Así, o Plan de Banda Larga de Galicia reserva preto de 2 millóns de euros a investir en Lugo a través do operador público Retegal. Pero ademais, contempla o gasto de máis de 9 millóns de euros para contratar actuacións con operadores privados no conxunto de Galicia, e boa parte deste montante terá como destino a nosa provincia.

Arias incidiu no empeño da Xunta de “avanzar cara á innovación tecnolóxica” para lograr a definitiva incorporación de Lugo á sociedade da información e da comunicación. “Debemos situar os cartos dos galegos naqueles sectores determinantes para o despegue da economía lucense –afirmou-; en época de crise temos a obriga de ser máis competitivos”.

Avance en infraestruturas dixitais

Na modernización tecnolóxica da provincia investiranse máis de 10 millóns de euros, destinados á aplicacións para pequenas empresas (comercio e servizos electrónicos), accións de alfabetización dixital, avance da administración electrónica e modernización da administración –en concreto para a administración de xustiza destínanse máis de 800 mil euros-.

Xunto co avance nas infraestruturas dixitais, mantense o progreso das infraestruturas convencionais, continuando cos grandes proxectos en marcha. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas consigna máis de 11 millóns para os tramos lucenses da VAC da Costa, 23 millóns para a VAC Sarria-Monforte e 5,5 millóns para o acondicionamento das estradas Baralla-O Cádavo e Becerreá-Navia de Suarna.

Dispón así mesmo partidas millonarias para solo industrial (preto de 4 millóns para o parque empresarial de Baamonde e 3,8 millóns para o das Gándaras, que xa ten parcelas á venda) así como para proxectos como o auditorio de Lugo (3,1 millóns) ou os accesos á área loxística de Monforte (1,5 millóns).

Actuacións no medio rural

De vital importancia para a nosa provincia serán tamén as actuacións no sector forestal e no sector lácteo que proxecta a Consellería de Medio Rural. Para o primeiro recóllense varias medidas de redución ou exención de impostos para impulsar as agrupacións de propietarios e a xestión viable do monte.

Pola súa banda, o plan estratéxico para o sector lácteo galego, que suporá un investimento de 838 millóns de euros ata o 2013, deixará xa no vindeiro exercicio máis de 70 millóns na provincia de Lugo.

Por último, Raquel Arias subliñou que os orzamentos incrementan “ata cifras históricas o peso do gasto social”, ao destinar “3 de cada 4 euros consignados ás prestacións fundamentais: Sanidade, educación e servizos sociais”. A área de Benestar investirá 73,4 millóns de euros na provincia, o que permitirá incrementar as prazas en garderías –como as de Alfoz, Baralla e Vilalba- e centros de día –coa construción dun centro en Cervo e o inicio dunha residencia en Paradela-.

No tocante á sanidade, prevese un investimento de 2,2 millóns de euros para completar os equipamentos do novo hospital, “que xa estará funcionando a pleno rendemento”. Ademais, para completar os novos servizos de medicina nuclear, radioterapia e hemodinámica, a Consellería de Sanidade reserva 6,32 millóns de euros.

Na atención primaria, só en partidas territorializadas, adícanse preto de 12 millóns de euros para rematar os centros de saúde de Monterroso e Sarria e levar a cabo melloras noutros como os de Burela, Meira, Riotorto, Xermade, O Saviñao e o centro da Milagrosa, na capital.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2010-10-25

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES