Notas de prensa

SOS Courel

Somos xente do Courel, veciños/as e amigos/as, un grupo aberto e solidario que traballamos na elaboración dun proxecto de desenvolvemento sostible que evite a despoboación e perda dos valores naturais e culturais propios dunha zona de montaña que, o igual que a franxa costeira e a marxe dos ríos, é propiedade de todos e debe preservarse para as xeracións futuras.

Está recoñecido o Courel, como o territorio de maior biodiversidade de Galicia, debido a factores climáticos, xeolóxicos, orográficos, pero sobre todo pola actividade humana, dende tempos remotos, compatible coa conservación do medio natural. Nestes últimos anos, aínda que protexido oficialmente, estase a levar a cabo unha política escondida de despoboamento interesado e devastación co único obxecto de favorecer o avance e o lucro de empresas sen escrúpulos. Por iso queremos denunciar unha gran catástrofe ambiental que se está a producir no Courel e que se estende polas augas do Lor, Sil e Miño ata o Atlántico. Trátase da coñecida canteira ilegal de pizarra La Campa ( ://sigpac.mapa.es/cibeles/visor/ con coordenadas x 647.319, y 4.715.691). Promovida por CUPIRE PADESA SL e filiais (http ://www.cupirepadesa.com/ ), líder mundial na producción e comercialización de pizarra:

- Coa complicidade das administracións, avanza ás súas anchas por entre os núcleos poboados do Courel: A Campa, Baldomir, Pendella, Touzón, Folgoso e Santa Eufemia,
- Están traballando a menos de 300 metros do río Lor, nel verten as augas do río que baixa de Santa Eufemia, totalmente ocupado este polo escombro da pizarreira e polos traballos de extracción.
- Non se rexenera o terreo, os escombros campan ás súas anchas por toda a superficie da explotación e a terra vexetal xace por debaixo a decenas de metros de profundidade.
- O uso de explosivos e o anárquico e temerario avance da explotación están a producir regañas nas paredes das casas e nas ladeiras dos montes que, seguro, desembocará nunha gran desgracia.
- Despois de case dúas décadas de abraiante curriculum de respecto á lei, á natureza e ás persoas , esta empresa está tramitando a legalización no Concello e a ampliación. A recente consecución da categoría de explotación de recursos c , permitiralle no futuro, previa concesión de licencia municipal, a ampliación e expropiación forzosa dos eidos e casas aos veciños.
- Toda esta situación traerá consigo a desvalorización das propiedades, o cese da actividade turística e agrogandeira e o despoboamento total do Concello.
- En http ://www.xunta.es/conselle/cma/GL/CMA05e/p05e02.htm , podedes comprobar o enorme burato que a Xunta de Galicia reservou para esta e outras canteiras, no mapa do LIC Ancares-Caurel, na última proposta á Comisión Europea, pendente aínda de aprobar por esta. Deixando fóra hábitats de interese comunitario como soutos, prados naturais, uceiras, bosque de ribeira, ......
- No Courel leváronse a cabo investimentos de fondos europeos, a través de sucesivas iniciativas LEADER coa finalidade de promover o desenvolvemento rural sostible, totalmente incompatible con este xeito de explotar os recursos naturais.
- A Unión Europea está a cofinanciar un plan para a rexeneración hidrolóxico-forestal das escombreiras de pizarra de toda Galiza. As escombreiras do Courel quedaron fóra deste plan.
- Por suposto, o noso apoio aos traballadores e traballadoras, desta canteira e do Courel en xeral, na defensa dos seus dereitos: á estabilidade laboral, a unha remuneración xusta, á seguridade e hixiene no traballo, a unha representación democrática,...... à indemnización correspondente no caso de que se vulneren estes ou sexan víctimas dun fraude e a un posto de traballo alternativo.
- Ancares-Caurel está declarado Zona de Especial Conservación, é polo tanto de lei, e na man das administracións está, para un Courel sostible e habitable, promover o emprego alternativo: na protección e rexeneración ambiental, conservación da paisaxe tradicional, conservación do patrimonio cultural, silvicultura, agrogandería de calidade (carne, castañas, mel, horta .......), turismo sustentable, ....... Evitando así, a chantaxe das empresas que destrúen poñendo os postos de traballo por diante.
Denunciamos de paso, unha vez máis, o noso problema humanitario:
· Marxinados, illados, sen a maioría dos servicios básicos e obrigados a marchar, de pouco nos serve que unha canteira teña unha producción bruta 20 veces superior á suma do orzamento do Concello, do gasto educativo e do gasto en sanidade.
· No ano 2003, levouse a cabo, entre os veciños, unha masiva recollida de sinaturas, apoiando un documento no que se pedía un plan de emerxencia para o Concello, foron entregadas ao Presidente da Xunta en decembro dese ano, ós Conselleiros, ao Valedor do Pobo e no Parlamento de Galiza. Estamos aínda esperando a resposta do Sr. Presidente, do que din que ten por costume contestar a todas as cartas.
· Nese plan de emerxencia pedíase, entre outros servicios, cobertura sanitaria durante a noite, das 22 h. ata as 8 h. do día seguinte, por ser unha zona illada de montaña.
· Tamén se pedía a mellora das estradas que nos comunican coa autovía e con Monforte. A resposta foi proxectar unha superestrada, cun orzamento de case 18 millóns de euros, en dirección Quiroga, que os veciños nin pediron nin utilizarán, salvo para acudir ás feiras. Débense mellorar as comunicacións priorizando, sen despilfarros e estragando o menos posible o entorno.
Agradecidos de antemán, dende o Courel de todos.

SOS Courel, 2004-10-04

Actualidad

Foto del resto de noticias (gozo-festival-2026.jpg) Os Concertos do Xacobeo da Xunta de Galicia achegarán a mellor música internacional do momento a Santiago de Compostela cunha nova edición de O Gozo Festival. Maroon 5, Martin Garrix, Danny Ocean, Rita Ora e Miriam Rodríguez son as primeiras confirmacións do festival, que presentarán os seus directos no Monte do Gozo compostelán o sábado 11 de xullo de 2026. O Gozo Fest conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia, no marco dos Concertos do Xacobeo. En 2026, O Gozo Festival celebrará a súa cuarta edición cun line-up de luxo. O proxecto O Gozo Festival, que naceu en 2023 co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia, no marco de Concertos do Xacobeo, consolidouse na súa terceira edición, celebrada en 2025, cun éxito rotundo de crítica e público.
Foto de la tercera plana (20251210-rueda.jpg) O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, defendeu esta mañá, na súa condición de presidente da delegación española do Comité Europeo das Rexións (CdR), unha maior cogobernanza das rexións na planificación e xestión dos fondos europeos e máis recursos para o sector primario. Así o destacou logo dunha reunión organizada polo Executivo galego entre os representantes españois tanto das comunidades autónomas como das entidades locais do CdR con eurodeputados españois e o embaixador representante permanente de España ante a Unión Europea, Marcos Alonso, 'para poñer en común as intencións e o noso plantexamento' de cara á negociación do novo Marco Financieiro Plurianual 2028-2034.

Notas

A mostra 'Alfredo Brañas Menéndez XIX-XXI. 125 anos do seu pasamento' chega ao Claustro Alto do Colexio de Fonseca para, en palabras da comisaria, Belén Trigo, 'buscar e descubrir os aspectos menos tratados' da figura deste intelectual rexionalista e 'establecer un diálogo entre dúas épocas', o século XIX e as primeiras décadas do século XXI. A exposición, que pode visitarse ata o 15 de xaneiro, conta cunha mostra bibliográfica con obras do autor e sobre o autor, documentos que obran no poder da USC, e 16 paneis.
Organizada polo Concello de Pontevedra e a Facultade de Belas Artes, a exposición Do final e do comezo reúne as creacións que 25 novos tituladas e titulados deste centro desenvolveron como parte dos seus traballos de fin de grao . As obras de 21 egresadas e catro egresados foron seleccionadas para unha mostra que busca achegar á cidadanía o proceso de 'construción e reconstrución' como artistas que implicou a súa formación, á vez que reúne un conxunto de pezas que representen as múltiples disciplinas traballadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES